Do mito á mesa: o sabugueiro faise forte na Galiza para gañar en rendemento

Planta de sabugueiro en flor no concello de Vilar de Santos. (Foto: Nós Diario)
O sabugueiro é un arbusto que pode alcanzar os 5 metros de altura, moi popular e doado de atopar na Galiza. Hoxe presume de ser un alimento rico en vitamina C e fósforo, prisioneiro aínda dun estigma moi apegado á tradición.

Diana Fernández traballa con plantas medicinais desde hai moitos anos. Descubriu o sabugueiro e as súa propiedades de forma fortuíta, por unha amiga que tiña as terras nas que criaba cabalos inzadas deste arbusto e "non sabía que facer con el". Foi entón cando comezou a investigar e a desenvolver un obradoiro para dar a coñecer os seus usos. "O primeiro que descubrimos foi o receo da xente. O sabugueiro é unha planta moi demonizada, considerada tóxica. E pode chegar a selo cando está verde. Cando as flores están listas e o froito maduro é un recurso incríbel".

O sabugueiro dáse onde quere, afirma Fernández. É unha especie moi abundante en toda Europa, pero cun arraigamento moi especial na ribeira dos ríos e ao longo de numerosos camiños, habitual na paisaxe da Galiza. "Tamén é común atopalo en casas abandonadas, en solos de calidade ricos en nitróxeno".

As súas flores brancas, en corimbo, e as súas bagas brillantes, de cor púrpura, teñen propiedades antiinflamatorias, antioxidantes, antivirais e antisépticas; mais as súas follas e mesmo a cortiza, tamén se aproveitan. A experta recomenda reforzar a seguridade no caso da casca, que se pode empregar para facer compost ou para tratar algunhas feridas dos animais. "A cortiza ten un uso tópico mentres que as bagas e as flores se utilizan para facer tinturas, aceites macerados, vinagres, viños e doces".

Da medicina á cociña

Cada elemento do sabugueiro ten propiedades específicas, pero Diana Fernández destaca por riba de todas o seu "potencial depurativo", polo que facilita a eliminación de toxinas do corpo. De maneira máis concreta, explica, o sabugueiro tamén se usa para frear "unha inflamación das enxivas, unha conxuntivite ou doenzas respiratorias".

O seu espertar na cociña chegou da man de Carabuñas,  unha empresa da Limia que comezou hai dez anos de forma experimental, mais coa vocación de asentar un proxecto apegado á terra e aos seus recursos.

Carabuñas avanza na mellora de variedades adaptadas ao cultivo e na creación do primeiro atlas do sabugueiro galego

A primeira elaboración coa que se atreveron foi de marmelada. Probaron varios froitos e entre eles, o de sabugueiro. "Cando puxemos á venda ás primeiras mostras, o sabugueiro foi a que máis chamou a atención, asociado como estaba de sempre á medicina tradicional e ao seu efecto velenoso, que o mantiña afastado da mesa", explica a Nós Diario o responsábel de Carabuñas, Nelson Alonso

Ese primeiro impacto, marcado pola curiosidade do público, foi o que os animou a especializarse no sabugueiro. Con este recurso, hoxe elaboran licor, marmelada, cervexa, xelea, bombóns, zumes e infusións; en concreto, coa variedade atlántica procedente de plantacións ecolóxicas da Galiza e norte de Portugal.

A diferenza dos países do norte de Europa, onde xa contan con variedades adaptadas ao cultivo, cun rendemento maior, Carabuñas está a aproveitar o sabugueiro silvestre mentres avanza nesa mellora en colaboración coa USC. "Contamos cunha plantación experimental de 7.000 metros en Vilar de Santos na que estudamos distintas formas de cultivo, poda, abonado ou rega, así como as variedades que mellor se adaptan". Un traballo que permitirá abrir unha novas vías de negocio e impulsar "o primeiro atlas do sabugueiro galego".