Seis e doce anos de cadea para Xurxo Rodríguez e Carlos Calvo

A Audiencia Nacional española ditou sentenza esta cuarta feira (28 de maio) en relación co xuízo aos independentistas presos acusados de pertenza a organización terrorista e tenza de explosivos. 

 

A Sección Primeira da Sala do Penal da Audiencia Nacional española deu a coñecer esta cuarta feira a sentenza polo xuízo decorrido o 6 de maio contra Xurxo Rodríguez e Carlos C. Varela

O tribunal, formado polos maxistrados Grande-Marlaska, Nicolás Poveda e Ramón Sáez Valcárcel ditou 6 e 12 anos de cadea respectivamente para Rodríguez e Calvo por un delito de integración en organización terrorista e tenza de explosivos.

Para alén das testemuñas e probas presentadas no xuízo, a Audiencia Nacional tomou en conta --segundo a información publicada por Europa Press-- unha "carta" que tería sido recollida no domicilio de Carlos C. Varela e que, de acordo coa axencia de noticias, sería da autoría da compañeira deste.

Europa Press asegura que a sentenza extracta parte do documento no que se afirmaría que "andar pondo explosivos por aí non vai solucionar nada". 

Un dos maxistrados nega que RG sexa unha organización terrorista

Ramón Sáez Valcárcel emitiu xunto a sentenza que dita as condenas de C. Varela e Rodríguez Oliveira, un voto particular en que negou a existencia da organización terrorista. Segundo o maxistrado, Resistencia Galega non podería ser considerada tal ao "non iren os seus integrantes armados", "usaren explosivos moi rudimentarios" e non teren "atentado contra a vida e a liberdade das persoas", segundo a información feita pública esta cuarta feira polo diario El País.