Docentes universitari@s exixen os seus dereitos laborais

O Consello de Goberno da USC posiciónase en contra da intervención da Xunta após suspendérense de maneira cautelar 33 prazas de PDI. A situación d@s docentes universitarios empeora após os recortes aprobados polos gobernos galego e español e súmase ao despedimento anunciado de persoal asociado na UVigo.

 

O pasado 21 de setembro a Universidade de Santiago de Compostela convocaba 3 prazas de PDI que pasarían a ser contratad@ doutor/a. Porén, malia que o procedemento constitúe, segundo @s afectad@s "un acto administrativo firme a través do que se responde a un dereito dos traballadores",a data de finalización do prazo e día en que se farían públicas as listaxes de admitidos, o reitor da Universidade "suspende cautelarmente a convocatoria", denuncian desde a Plataforma de persoas afecadas.

Neste senso, e perante a situación en que se atopaban, a plataforma decide desenvolver tres reunións co reitorado en que participaron, "os membros desta plataforma, os directores de departamento aos que pertencen as prazas e os membros da mesa de negociación colectiva", aseguran.

Afectad@s denuncian que o acontecido "vulnera os dereitos dos traballadores xerándose unha situación de incertidume e inestabilidade"

Nestas xuntanzas, o reitor da Universidade, Casares Long asegura que é unicamente a Xunta de Galiza a que decide que tipo de colectivos acceden ás prazas, neste senso, desde a Plataforma denuncian "a vulneración grave da autonomía universitaria", pois segundo o máximo responsábel da administración, o reitor tería intención de paralizar unha parte da convocatoria e abrir un outro procedemento dirixido a aqueles colectivos que veñan determinados pola Xunta. Para o profesorado afectado pola actuación do reitor, Casares Long, "os feitos expostos son irregulares e vulneran os dereitos dos traballadores, xenérandose unha situación de incertidume e inestabilidade na que poden verse comprometidas non só esta senón tamén convocatorias posteriores". É por iso que, após unha concentración ás portas da Reitoría durante a sesión do último Consello de goberno exixiron "manter a convocatoria e conseguir compromisos formais e por escrito, que garantan a totalidade de prazas".

No interior do reitorado, as organizacións estudantís e a maior parte dos representantes do persoal de amnistración e docentes, apoiaron as demandas das persoas afectadas e urxiron ao máximo órgano de decisión da USC que se posicionase en contra da intervención da Xunta nos asuntos internos da universidade minguado, deste xeito, a súa autonomía.

Á rúa persoal asociado da UVigo
A política de recortes aprobada polo goberno de Alberto Núñez Feijóo, está a pór en risco o mantemento de numerosas prazas do persoal docente e investigador (PDI) nas universidades galegas. Neste senso, a pasada semana, @s docentes asociad@s da UVigo exixían ao reitor desta Universidade que paralizase os despedimentos e advirten que de non ser así "iniciarán mobilizacións".
A equipa reitoral, dirixida por Salustiano Mato, asegura que está a implementar medidas urxentes de racionalización do gasto, porén, o persoal docente asegura que as demais universidades están a rexeitar o devandito decreto e propoñen á universidade buscar medidas alternativas que permitan cumprir coas previsións ministeriais sen despedimentos, por exemplo, a través dunha actualización do sistema de descontos ao persoal contratado a tempo completo.