Un documentario resgata a memoria d@s asasinad@s no 'caso metílico'

[Imaxe da adega de Rogelio Aguiar. SG]

Dirixido por Emilio Ruíz Barrachina e baseado nas investigacións realizadas polo xornalista Fernando Méndez, estrearase na TVG no último trimestre deste ano e conta os milleiros de historias que agocha o maior envelenamento rexistrado no Estado español por "un afán desmedido de lucro"


O maior envelenamento acontecido no Estado español e que matou labreg@s no rural do Carballiño ou Ribadavia pola mesma causa da cal morrían mariñeiros nun porto pesqueiro de Lanzarote. Iso foi, en 1963, en plena ditadura franquista, o que se deu en coñecer como 'caso metílico'.

Dos milleiros de mortes que se rexistraron, o réxime fascista só recoñeceu 51. Familias de adegueiros empregaban o metílico, habitual na fabricación de verniz, para a elaboración de licores aforrando 16 pesetas no libro do etílico, o alcol que deberan ter empregado. 

No banco dos acusados sentaron once persoas, dez adegueiros e a muller dun deles, de Rogelio Aguiar, empresario ourensán que elaboraba as bebidas nun baixo do barrio da Ponte. Tamén andaba polo medio a familia Lago: o pai e o avó da presidenta de Galicia Bilingüe, Gloria Lago, foron encarcerados por este caso. Ela escribiu un libro, El reloj de cuco, "para restituír a honra" após unha sentenza que ela considerou "inxusta".

Baseado nas investigacións do xornalista Fernando Rodríguez

Porén, non é este o escrito en que se basea o documentario de Emilio Ruíz Barrachina que no último trimestre de 2013 estreará a TVG, e tamén a televisión española. Está baseado nos libros do xornalista Fernando Méndez, cuxa teimosía fixo que medio século despois a imprensa falara do 'caso do metílico'. Da contorna dos adegueiros só morreron dous cans que lamberan do chan uns restos de alcol.

Nunha entrevista concedida á axencia de noticias Europa Press, Ruíz Barrachina recoñece que o traballo do xornalista fixo moi doada a compilación de material e a localización dos lugares, mais que a equipa ficou "cun sabor agridoce" ao coñecer en profundidade este acontecemento que cualificou de "moi penoso, sen xustiza real para as vítimas e encima deixou unha fonda tristeza e resignación nas familias".

Con recursos propios do cinema negro, o documentario vai narrando "de maneira directa e sinxela un caso onde primou a avaricia e o afán de diñeiro fácil". Os mesmos elementos identificounos o xornalista, Fernando Méndez, nunha entrevista concedida a Sermos Galiza o mesmo día en que encetou a xira de presentación do seu libro Metílico, 50 anos envenenados.

Afán de lucro, falta de control sanitario e policía franquista

A ese "afán desmedido de lucro" do que el falaba sumou tamén, e fixo o mesmo Ruíz Barrachina no documental, a falta de control sanitario na distribución das bebidas alcólicas que elaboraba Aguiar e o empeño "de todo o aparato xudicial e político franquista en ocultar o acontecido", continua explicando o director na conversa con Europa Press. 

A estrea está fixada para finais deste ano. Malia o asesoramento de familiares e veciñ@s das persoas asasinadas polo metílico para recrear con exactitude até os máis mínimos detalles da vestimenta da época ou as tabernas en que 'rulaban' os tragos envelenados, a incógnita que non conseguirá despexar nin este nin ningún outro documental é a cifra real de mortes que se produciron.