Documental sobre as protestas

Un barco, unha rotonda e unha loita veciñal polo futuro do barrio de Coia

Mobilización na rotonda de Coia, a comezos de 2015. (Foto: Asemblea Aberta de Coia)
O salón de actos do Cristo da Vitoria (Vigo) estrea nesta terza feira o documental 'O barco na rotonda. A historia de Diego', unha curtametraxe de Oliver Garvín que repasa as protestas da veciñanza de Coia contra a instalación do Bernardo Alfageme na rotonda da avenida de Castelao, a petición de prisión —logo retirada— para Diego Lores, un dos protagonistas, e todo o que aquilo supuxo.

"Non pode ser, non pode ser. O barco na rotonda e as persoas sen comer". Aquel cántico retumbou no barrio vigués de Coia durante tres meses nas gorxas de centos de veciños e veciñas que se opuñan á instalación do histórico buque Bernardo Alfageme na rotonda da Avenida de Castelao.

O custo da obra oscilaría entre os 100.000 euros que estimou o Goberno local de Abel Caballero e os 300.000 estimados pola veciñanza e desde o primeiro intre topou cunha oposición frontal debido, principalmente, ao delicado momento económico daquel ano 2014, cando se coñeceron as intencións do Concello.

Nesta terza feira, ás portas de facer oito anos aquelas mobilizacións, o salón de actos da parroquia do Cristo da Vitoria servirá de escenario —ás 20 horas— para a estrea do documental O barco na rotonda. A historia de Diego, unha curtametraxe do director manchego afincado en Vigo Oliver Garvín que lembra a loita veciñal centrándose na historia do seu amigo Diego Lores, un dos grandes protagonistas.

"Esta pequena peza de 28 minutos, con imaxes daqueles días e entrevistas posteriores, é unha homenaxe á xente que se mobilizou por unha causa que consideraba xusta, xente de todas as idades que no seu tempo de lecer sentaba na rotonda tentando paralizar as obras nun momento no que a situación no barrio era complicada. A xente tiña que agardar meses por unha cita cun traballador social, e os propios profesionais tamén se mobilizaran daquela", explica Garvín, en conversa con Nós Diario. Naquel momento a veciñanza, lembra, viu esta "obra faraónica" como o momento no que dicir que "xa abonda".

"Esta curta é unha homenaxe á loita veciñal", apunta Oliver Garvín

"O alcalde tomou as protestas como unha ofensa e, no canto de sentar a negociar, enviou a Policía municipal", engade o director. E é aquí cando entra en escena a historia de Diego. "Diego era un dos que estaban na asemblea de Coia, era traballador voluntario na Oficina de Dereitos Sociais (ODS), e foi dos que se mobilizaron cando souberon da obra. Nunha das protestas un mozo seica deu unha patada a un axente, que logo estivo de baixa. Diego achegouse para ver que acontecía e tentar mediar e a sorpresa chegou un mes despois, cando recibiu unha notificación acusándoo de agresión, algo totalmente falso", relata.

Diego Lores, ollando cara atrás, lembra agora todo aquel "episodio represivo" polo "bonito" final que tivo: a veciñanza fechouse na Igrexa do Cristo da Vitoria de cara a un xuízo que non se anulou até o último minuto, cando o axente finalmente retirou a acusación —en xaneiro de 2017—, logo de que a Fiscalía non achase tampouco indicios de delito. "Non sempre temos a oportunidade de celebrar", sinala a Nós Diario.

E, de feito, non puido celebrar a veciñanza unha vitoria dous anos atrás naquela rotonda, pois finalmente, unha noite de febreiro o Alfageme chegou para quedar, no medio dun amplo dispositivo policial que impediu o acceso ao lugar dos veciños e veciñas. Aquilo, porén, transcendeu alén desa batalla mesma. "Serviu para coñecer xente moi diversa e falarmos sobre o modelo de barrio e de cidade que queriamos, como atender as necesidades da xente... Teño unha boa lembranza dos días que pasamos nesa rotonda", afirma.

"Querían mutilar o movemento e acalar as protestas, dicían que eramos só catro ou cinco, que eramos xente enviada por partidos e sindicatos...", lembra Diego Lores

Iso a pesar de que a resposta do Goberno de Caballero, salienta, foi "tentar desacreditar as protestas e desmobilizar a xente". "Querían mutilar o movemento e acalar as protestas, dicían que eramos só catro ou cinco, que eramos xente enviada por partidos e sindicatos... Mais nós aproveitamos para falar da vida que queriamos para o barrio", engade.