Doentes crónicos con patoloxías múltiples: 5% da poboación consome até 50% dos rescursos sanitarios

Unha especialista sanitaria supervisa a evolución dun doente Covid. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
Arredor dun 5% da poboación consume até 50% dos recursos sanitarios. Son doentes con patoloxías múltiples e crónicas; maiores e fráxiles, en moitos casos, cunha alta demanda asistencial. A Covid veu ampliar esta taxa de pacientes, un dos principais desafíos para os sistema de saúde, advirten especialistas en Medicina Interna.

Unha de cada cinco altas hospitalarias prodúcese nos servizos de Medicina Interna, unha especialidade que durante a pandemia do coronavirus asumiu 80% dos pacientes Covid non críticos ingresados en centros sanitarios. "A Medicina Interna é a visión integral da persoa enferma. Ocupámonos de moitas doenzas que afectan aos seres humanos: doenzas cardiovasculares, infecciosas, enfermidades dos pacientes crónicos complexos, diabetes, hipertensión arterial, insuficiencia cardíaca, EPOC", precisa Javier de la Fuente, presidente da Sociedade Galega de Medicina Interna.

A entidade vén de reunir en Compostela perto de 2.700 profesionais da Medicina Interna da Galiza e do resto do Estado, no marco dun congreso dobre que supuxo o regreso aos grandes eventos presenciais. Durante tres días debullaron os principais retos médicos e asistencias do sistema de saúde para dar cobertura a unha poboación cada vez máis envellecida no actual contexto de pandemia, aumento das patoloxías crónicas e cambio climático.

"A Medicina Interna sempre enfrontou os novos desafíos cando apareceron. A primeiros dos 80, ante a síndrome do aceite tóxico de colza, fomos os internistas os que atendemos os doentes. Tamén cando comezou a estenderse a síndrome de inmonudeficiencia adquirida (SIDA)". Agora, coa Covid, oito de cada dez pacientes foron manexados por internistas, defende Javier de la Fuente, quen advirte que "isto non acabou".

Prevención e seguimento

"Estamos ante unha repunta das infeccións por coronavirus con ingresos hospitalarios que non é alarmante pero que nos debe ter un pouco preocupados. Non ten nada que ver co que está acontecendo noutros país, sobre todo porque aquí contamos cunha taxa de vacinación máis alta. Aínda así, é importante recordar que non se poden relaxar as medidas nin os coidados".

Máis a longo prazo, a visión integral do colectivo de especialistas en Medicina Interna fai que sexan unha figura chave no seguimento das persoas que xa superaron a doenza. As secuelas están aí e a Covid persistente pode chegar a afectar segundo a revisión dalgúns estudos preliminares a 50% dos pacientes.

"Os doentes que tiveron ingresos prolongados, con ventilación e moitas complicacións  presentan secuelas pulmonares que adoitan mellor co tempo, pero, de entrada condicionan moito a calidade de vida". A estas, di De la Fuente, hai que engadir as secuelas de carácter psicolóxico: fobias insomnio, dificultades para a concentración; que en ocasións exixen botar man das unidades de saúde mental.

Diagnósticos atrasados

A irrupción da Covid supuxo, ademais, a retención de numerosos recursos asistenciais e de investigación. "Os pacientes graves e as cirurxías urxentes non se deixaron de atender, pero un colapso como o que supuxo o coronavirus sempre ten repercusións". Moitos doentes con síntomas non se moveron da casa e outros xa diagnosticados, con doenzas crónicas, viron as súas consultas canceladas ou adiadas.

Así, un dos maiores desafíos  aos que debe facer fronte o sistema sanitario agora mesmo din os internistas, consiste en atender os diagnósticos que non se fixeron durante a pandemia, mais tamén os pacientes crónicos cuxas patoloxías están descompensadas.

Até 61% dos doentes de Medicina Interna son crónicos complexos, pluripatolóxicos, xeralmente de idade avanzada, fráxiles, cunha autonomía persoal diminuída, deterioración funcional e cognitiva, polimedicados e con altas necesidades de soporte social e recursos sociosanitarios. "O desafío da cronicidade é cada vez máis frecuente" e obriga a pensar nunha mudanza das dinámicas hospitalarias e dos propios centros, xa que os hospitais continúan a estar "máis preparados para a patoloxía aguda que para a cronicidade".

Esta realidade é resultado do envellecemento e da suba da esperanza de vida. "Galiza conta con máis dun 25% da poboación por riba dos 65 anos. A medida que se teñen anos vanse sumando patoloxías e o seu manexo, complícase", afirma Javier de la Fuente. "Hai que recorrer á polifarmacia, cos efectos que iso ocasiona, facer os axustes que demande cada evolución e unha revisión periódica do estado de saúde por parte de distintos especialistas, que non sempre supón un valor engadido ao que xa fai o médico de familia.

Son pacientes, e doenzas, que consomen "moitísismos recursos sanitarios". As que máis, a insuficiencia cardíaca, a diabetes e a enfermidade pulmonar obstrutiva crónica; sen descoidar a deterioración cognitiva e as patoloxías dexenerativas. Así, conclúe De la Fuente, "todo o que sexa unificar, planificar e integrar grupos reducidos de médicos ao servizo destes pacientes redundará nunha mellor atención e nun uso máis racional dos recursos sanitarios".

Antibióticos: uso, abuso e resistencia 

Na semana mundial de concienciacións sobre o uso dos antibióticos, a comunidade experta alertou sobre as consecuencias do  mal uso ou abuso destes fármacos que salvan millóns de vidas cada día. Segundo a OMS, é unha das dez ameazas principais para a saúde pública, en vista da proliferación de bacterias multirresistentes en determinados contextos. Na actualidade provocan arredor de 700.000 falecementos ao ano, máis de 30.ooo en Europa e unhas 4.000 no Estado. En 2050 será a primeira causa de morte no mundo, polo que teñen que ser utilizados só "cando estean indicados, o tempo taxado e sempre baixo supervisión médica".