Saúde

O herpes zóster, a doenza que xorde do virus da varicela

A idade, a inmunodepresión e a pluripatoloxía incrementan o risco de sufrir un herpes zóster. (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press).
O pasado 12 de xuño a Dirección Xeral de Saúde Pública iniciou unha campaña de comunicación, vía SMS, para informar a poboación susceptíbel de vacinarse fronte ao herpes zóster da posibilidade de solicitar cita no seu centro de saúde para a administración deste fármaco, novo no calendario galego.

O herpes zóster é unha enfermidade de baixa mortalidade "que se ve durante todo o ano",  explica a Nós Diario Eduardo Fonseca, xefe do servizo de Dermatoloxía do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña. É unha doenza frecuente, con maior incidencia nas persoas maiores de 50 anos, cuxo risco aumenta coa idade mais tamén en pacientes con tratamentos oncolóxicos, problemas de inmunidade ou pluripatoloxía.

"O herpes zóster, en realidade, é unha reactivación da varicela", precisa o dermatólogo. "O virus responsábel desta doenza, o varicela-zóster, como case todos os virus herpes, deixan material xenético silente no organismo unha vez pasada a infección. Nun momento determinado pódese reactivar e producir outra nova".

O problema é o dano que ocasiona no nervio, que produce dor e pode manifestase antes, durante e, sobre todo, despois da erupción

Isto pasa habitualmente co herpes dos labios ou co herpes xenital, ilustra, que teñen en común o virus do herpes simple. No caso do virus varicela-zóster, unha baixada da inmunidade ou a intervención doutros factores externos pode desembocar "nunha infección nova que, salvo casos excepcionais, non é xeneralizada, como a varicela, senón que se produce nunha metámera. Esténdese a través dun nervio e de aí pasa a á pel".

A dor é o síntoma guía desta doenza, consecuencia directa desa irritación nerviosa causada pola infección vírica. Sobre a pel maniféstase cunha erupción encarnada e con vesículas ou ampolas –no tronco e na cara– que co paso dos días virarán en costras. "As lesións da pel non adoitan ter importancia. Curan ben e só nalgúns casos poden deixar cicatrices ou trastornos da pigmentación. Pero iso non soe ser un problema. O problema é o dano que ocasiona no nervio, que produce dor e pode manifestase antes, durante e, sobre todo, despois da erupción".

Esta dor "é a peor", xa que pode chegar a persistir meses, mesmo anos, precisa Eduardo Fonseca. É o que se coñece como neuralxia postherpética, unha complicación que se volve máis grave coa idade e que ocasiona unha diminución da calidade de vida.

Vacinación

Hai xusto un ano, en setembro de 2022, a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade presentou o 'Calendario de vacinación ao longo de toda a vida' no que ademais de actualizar as pautas de vacinación contra o pneumococo para as persoas de 65 anos, incorporou a vacina contra o herpes zóster para a súa aplicación sistemática entre a poboación que este ano faga 65 e 80 anos, é dicir, nadas en 1958 e 1943.

Trátase dunha vacina xeneralizada por idade que se suma a unha previa que xa se empregaba en pacientes con inmunodepresión. Comezou a administrarse no mes de abril. Nesta primeira xeira están chamadas unhas 50.000 persoas ás que cada ano se sumarán as que fagan 65 e 80 anos.

"É importante que as persoas ás que lles toca se vacinen para evitar complicacións, e que ante calquera sospeita consulten co seu médico para poder tratar o problema con antivíricos, porque son eficaces, pero só nos primeiros días", conclúe Fonseca.