Dous anos de espera: os servizos de valoración da dependencia lamentan un "atraso moi grande" e piden máis persoal

Os expedientes da dependencia acostuman rexistrar amplos atrasos no país. (Foto: Europa Press)
A conselleira de Política Social defende a xestión da Xunta ao reducir a burocracia no trámite de valoración

O Colexio Oficial de Traballo Social da Galiza lamentou un "atraso moi grande" na valoración do grao de dependencia e solicitan a Política Social a contratación de máis persoal.

Segundo explicou o coordinador do Colexio, David Gondar, en declaracións a Europa Press, co novo procedemento de redución da burocracia hai "un problema" no tempo que tarda a valoración, que pode chegar "a dous anos".

Moitas persoas non chegan ao final do proceso porque ou falecen ou as familias teñen que buscar outras solucións

Por iso, lembrou, "desde hai moito tempo" propuxeron que se contrate persoal xa que as familias "necesitan que se valore antes". "Non pode ser que unha persoa tarde case dous anos en valorarse. Moitos deles non chegan ao final do proceso porque ou falecen ou as familias teñen que buscar outras solucións", advertiu.

Menos papelame

Pola súa parte, a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, defendeu esta cuarta feira nun acto en Boqueixón (Compostela) a xestión da Xunta nesta materia ao simplificar a burocracia.

Neste sentido, declarou que o Goberno galego pretende, ante o "elevado índice de solicitudes", darlle "cada vez máis facilidade" ás familias.

Segundo detallou, até o momento tiñan que cubrir 12 documentos diferentes e envialos á traballadora social, que despois chegarían á Xunta. "O que pretendemos con este novo decreto é facer un importante traballo de simplificación. De 12 documentos deixámolo só en dous documentos: un informe médico e un informe social", precisou.

Con todo, desde o Colexio Oficial de Traballo Social da Galiza remarcaron que esa simplificación non dá os resultados esperados xa que a espera pode chegar aos dous anos.

Ante a petición de aumentar o número de traballadores para facer fronte a ese atraso nas solicitudes, a conselleira defendeu que traballan mediante diferentes programas "financiando o persoal dos propios concellos".