Detido o dono dun hotel de Bóveda por colocar cámaras ocultas nas habitacións

A operación continúa aberta, pendente aínda de realizar un estudo das gravacións intervidas. (Foto: Nós Diario)
O acusado ofreceu 300 euros aos hóspedes que atoparon as cámaras para intentar evitar que o denunciasen.

A Garda Civil detivo nas últimas horas un home como presunto autor de varios delitos contra a intimidade por colocar cámaras ocultas nas habitacións dun hotel da localidade de Bóveda, na comarca da Terra de Lemos. A operación foi bautizada como 'Norbates'.

O operativo, segundo a información transcendida esta terza feira, iniciouse a finais do ano pasado, cando unha parella denunciou que atopara unha cámara agochada detrás dun reloxo de parede neste hotel de Bóveda. Durante a propia investigación outra persoa denunciou o mesmo estabelecemento, achegando mesmo o reloxo coa cámara.

En consecuencia, realizouse un rexistro neste hotel denunciado e mais no domicilio do propietario que se saldou coa incautación de tres reloxos, dous computadores portátiles, unha CPU, un disco duro externo, 15 pen drives e unha minicámara.

A primeira parella en denunciar detectou un reflexo xusto detrás do citado reloxo que lle fixo sospeitar e comprobar o que había tras del. E foi entón cando atoparon unha minicámara que enfocaba directamente a cama e posuía unha tarxeta 'microSD' de gravación de imaxes no seu interior.

Esta parella avisou os hóspedes da habitación contigua e comprobaron que lles sucedía o mesmo. Cando comunicaron os feitos ao propietario do estabelecemento, este afirmou que as cámaras non funcionaban e devolveulles o importe pago polo aloxamento, así como outros 300 euros coa intención de que desta forma non presentasen unha denuncia.

A operación continúa aberta, pendente aínda de realizar un estudo das gravacións intervidas e verificar se estas imaxes estaban destinadas a uso propio, difusión en liña ou para comerciar con elas.