Dous novos casos de coronavirus pendentes de confirmación na Galiza
O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, avanzou este sábado que existen dous novos posíbeis casos de COVID-19 pendentes de confirmación na Galiza, un en Vigo e outro na Coruña.
Estes dous novos posíbeis diagnósticos analizaranse agora no Centro Estatal de Microbioloxía de Mahadahonda para ratificar as probas xa realizadas
Como sinalou o titular de Sanidade, o caso de Vigo está relacionado co “brote familiar" que afecta unha muller de 47 anos, a súa parella de 43 e o fillo dela, menor de idade.
O caso da Coruña "non está relacionado" co paciente ingresado no Complexo Hospitalario Universitario (Chuac) ao que se lle diagnosticou o primeiro caso de coronavirus no territorio galego a pasada segunda feira.
Sanidade insiste, en calquera caso, en que o virus "non está na Galiza", que se atopa, segundo indicou o conselleiro, “nunha fase de contención” da enfermidade e envía unha mensaxe de "tranquilidade" á cidadanía.
Protocolos de actuación e máis medidas de hixiene laboral
Neste contexto, os Concellos galegos están a incrementar as medidas de hixiene e trasladaron protocolos de actuación aos seus cadros de persoal, mentres chaman á "tranquilidade" e á "serenidade" fronte ao coronavirus.
As distintas Administracións locais coinciden en destacar a "normalidade" coa que traballan nestes momentos e chaman á "serenidade" para non xerar unha "alarma excesiva" entre a cidadanía.
En varias das cidades galegas téñense celebrado xa reunións municipais para perfilar os protocolos de actuación, que avogan por incrementar a información, así como as medidas de hixiene, atendendo ás recomendacións do Ministerio de Sanidade e da Consellaría de Sandiade.
Fontes do consistorio da Coruña precisan que, a nivel interno, xa se fixo chegar ás traballadoras e aos traballadores, sindicatos e ao persoal responsábel de seguridade o protocolo trasladado por Sanidade. Ademais, "se se dese o caso", indicaron que o Concello xa ten definidas medidas a implantar, como incrementar a hixiene e evitar os actos nos que haxa aglomeración de persoas.
Segundo as mesmas fontes, o Concello non ten previsto cancelar ningúnha actividade social, cultural ou deportiva polo momento senón que opta por "seguir as recomendacións" do Ministerio de Sanidade e do Sergas.
Desde o Concello de Lugo lembran que coa recente posta en marcha do sistema de control horario para o persoal, o Consistorio lucense habilitou xeles hidroalcólico para o persoal. Ademais, "atendendo aos protocolos de Sanidade", o Concello de Lugo enviou un correo electrónico ao persoal municipal con recomendacións sobre as medidas de seguridade e sanitarias que deben tomar para evitar posibles contagios.
A mesma pauta de actuación que estes dous consistorios foi adoptada en Ourense, onde se celebrou unha reunión con responsábeis da área de riscos laborais tras a que tamén se apostou por incrementar as medidas de hixiene, tanto entre o persoal comopara a cidadanía que acuda ás dependencias municipais.
Pola súa banda, o Concello de Vigo púxose ao dispor das Autoridades sanitarias con competencias na materia e o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, que tamén se remitiu ás medidas que adopte o ministerio, apostou por facer un chamamento á "serenidade" e á "tranquilidade" fronte a unha enfermidade que afecta a "un de cada 150.000 españois".