Soben a cinco os positivos nun cámping de Muros

Vistas desde un bungalow instalado nun cámping (Europa Press).
O contaxio de dúas persoas que se aloxaron nos últimos días nas instalacións do cámping situado na praia de Louro ofrigou a illar unha vintena de usuarios. Un equipo sanitario continúa facendo probas PCR a outros ocupantes da zona de acampada.

O positivo de dúas persoas que se aloxaron nos últimos días nun cámping de Muros obrigou a illar a varios usuarios das instalacións, de acordo co protocolo sanitario.

Fontes sanitarias indicaron que se coñeceron os positivos destas dúas persoas unha vez abandonaran xa o cámping localizado na zona da praia de Louro.

Así, foi preciso localizar os clientes que mantiveran contacto cos usuarios diagnosticados de Covid-19 para poñelos en corentena e determinar se están contaxiados ou non mediante unha proba PCR.

Os labores de rastrexo estendéronse dentro e fóra das instalacións de veraneo, onde identificaron máis dunha vintena de contactos estreitos aos que illaron á espera de coñecer os resultados. Os primeiros tests realizados revelaron que outras tres persoas están contaxiadas, o que eleva a cinco o total de positivos.

Ao longo deste domingo, un equipo sanitario encargarase de facer PCR ao resto dos ocupantes do cámping.