Os dous vertedoiros de residuos perigosos que existen en Galiza: unha investigación apunta a Sogarisa e Sogama

Instalacións de Sogarisa, nas Somozas. (Foto: Sogarisa)
Os vertedoiros empregados por Sogama e Sogarisa veñen de ser cualificados como dous dos 17 de residuos perigosos recollidos nunha investigación de Civio que aínda persisten no Estado español.

En abril de 2022, Alejandro Castro, gandeiro da parroquia de Seixas, no municipio das Somozas (Ferrolterra) viu como a herba da que pastaban as súas vacas estaba manchada dun po branco. Avisou ao enxeñeiro técnico que está obrigado a contratar para poder recibir as axudas da Política Agraria Común (PAC), que, nun informe ao que tivo acceso Civio, ordenou que “baixo ningún concepto” utilizase esta herba para a alimentación das vacas, xa que estas poderían falecer, e que se desfixese dela.

O informe sinalaba que a herba estaba manchada con cal vivo procedente dos procesos de inertización dos residuos perigosos que almacena o vertedoiro das Somozas, empregado pola Sociedade Galega de Residuos Industriais (Sogarisa) e a escasos 400 metros da súa leira.

A finais dese ano, volveu atoparse a herba de cor branca e tivo que volver destruír toda esa forraxe. Tentou comunicalo á Consellaría de Medio Ambiente e Cambio Climático, mais, segundo afirma, non lle fixeron caso. “Tivéronme alí durante hora e media mais nada, que non miraban o informe, que non tiñan nada que mirar porque os informes que lle chegan son todos favorábeis”, asegura Castro.

O vertedoiro das Somozas está na comarca de Ferrolterra, a escasos 30 quilómetros da ría de Ferrol e a tan só 200 metros do espazo natural protexido Ortigueira-Mera, incluído na Rede Natura 2000, segundo se admite na súa declaración de impacto ambiental. É un dos dous vertedorios de residuos perigosos que hai en Galiza, xunto ao depósito do Complexo Ambiental de Cerceda (comarca de Ordes), empregado pola Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama) e a escasos 80 quilómetros das Somozas.

Neste sentido, os vertedoiros empregados por Sogama e Sogarisa veñen de ser cualificados como dous dos 17 de residuos perigosos recollidos nunha investigación de Civio que aínda persisten no Estado español e que cada ano reciben toneladas de aceites, amianto, pilas, aparellos electrónicos e todo tipo de materiais de refugallo facilmente inflamábeis, explosivos, tóxicos ou canceríxenos.

Estes episodios de contaminación provocados por este tipo de vertedoiros non son casos puntuais, segundo afirma Roberto Videla, de Ecoloxistas en Acción. Esta organización, conxuntamente coa asociación de consumidores Acoaga, presentou unha denuncia por emisións ilegais contra Sogarisa, empresa que é parte do Grupo Rodonita e que explota o vertedoiro das Somozas, que está actualmente investigando o Xulgado de Instrución número 2 de Ferrol.

“Se unha emisión da cal a medio quilómetro pode matar a un animal de 500 quilos, pois non quero saber como nos pode afectar ás persoas que vivimos a dous quilómetros”, alerta Videla, que lembra que a autorización ambiental desta instalación non contempla emisións á atmosfera nin as verteduras. A investigación xudicial está actualmente á espera do informe do Servizo de Protección á Natureza (Seprona), mais eles tamén van presentar un informe coas probas que puideron recoller coa axuda da veciñanza da zona.

Luis Palomino, da patronal Asegre, asegura que “é unha situación absolutamente excepcional que se produzan escapes contaminantes”. Desde esta organización defenden que é habitual que as plataformas veciñais e ONG ecoloxistas se interesen por este tipo de instalacións e afirman que os operadores colaboran coas Administracións públicas facilitando a información que se lles require e coas inspeccións e visitas necesarias. “As instalacións de xestión de residuos, como instalacións industriais que son, reciben queixas, que as instalacións atenden e resolven na medida do posíbel”, conclúe Palomino.