Ensino

A federación estatal Down exixe o cumprimento das recomendacións da ONU e apostar "sen escusas" pola educación inclusiva

Down España ve "absolutamente necesario" transformar o sistema educativo actual para que os nenos e nenas coa síndrome de Down poidan aprender nunha escola inclusiva de calidade. (Foto: Nós Diario)
Segundo Nacións Unidas, no Estado hai máis de 41.000 alumnos e alumnas con discapacidade que están escolarizadas nalgunha modalidade de ensino segregadora.

O pasado 22 de marzo, o Comité da ONU sobre os dereitos das persoas con discapacidade emitiu un informe provisional no que denunciaba de forma contundente que o Estado español vulnera "gravemente" o dereito á educación inclusiva dos nenos e nenas con discapacidade e criticaba directamente que a actual Lei de educación, a Lomloe, "permita un dobre sistema de ensinanza discriminatorio", así como que las leis de varias comunidades autónomas apoien "os centros educativos segregadores".

Segundo Nacións Unidas, no Estado hai máis de 41.000 alumnos e alumnas con discapacidade que están escolarizadas nalgunha modalidade de ensino segregadora. Unha cifra que, segundo se constata, nos últimos anos aumentou, xa que cada vez son máis os centros educativos ordinarios que apartan este alumnado en aulas especiais. Desde Down España consideran esta situación "incompatíbel co modelo educativo inclusivo que, segundo dita a lei actual, debería estar estabelecido no conxunto do Estado en 2031 e, a data de hoxe, está moi lonxe de cumprirse".

Para Agustín Matía, director da organización, o informe deixa claro que "a educación inclusiva e de calidade das persoas con discapacidade é un dereito, non unha simple recomendación e, por tanto, como dereito fundamental, está asociado á persoa con discapacidade e debe respectarse, por riba da decisión de pais, nais ou outros familiares". O titular do dereito á educación inclusiva, continúa Matía, "é a propia persoa con discapacidade, e os familiares teñen o deber de coidado e apoio á inclusión educativa".

Para Matía, posto que todas as persoas con discapacidade teñen dereito á educación inclusiva, o sistema escolar debe crear apoios individualizados e "axustes razoábeis" para conseguilo. "O sistema educativo —xeral— é inclusivo e, por tanto, non existe un dereito á educación especial. Non pode haber dous sistemas educativos —xeral e especial— e, como sinala o informe, escolarizar en centros especiais ou en aulas especiais nun centro ordinario é unha forma de discriminación e, en consecuencia, incompatíbel coa Convención".

Entende o director de Down que "a oposición, a resistencia ao cambio do sistema educativo débese aos intereses creados que queren evitar esa transformación". Neste momento, di, no Estado existe unha maioría de persoas con discapacidade intelectual "mal atendida educativamente —sen apenas apoios na aula e sen axustes— que ten unha enorme presión —de colexios, docentes, inspectores e administracións— para 'ir encaixando' nas estruturas separadas da mal chamada 'educación' especial, para evitar así ter que facer cambios profundos no sistema educativo".

Para esta entidade é "absolutamente necesario" transformar o sistema educativo actual para que os nenos e nenas coa síndrome de Down poidan aprender nunha escola inclusiva de calidade que garanta o seu dereito á educación. Por iso, tras a publicación deste último informe, a federación estatal dirixiuse por carta á ministra de Educación, Formación Profesional e Deportes, Pilar Alegría, para exixirlle que se tomen as medidas oportunas para implementar cando antes o Plan para a Educación Inclusiva, que o Ministerio se comprometeu na Lomloe a desenvolver nun prazo de 10 anos, que garanta a educación de calidade para todo o alumnado.

Agustín Matía considera que "axustar o sistema educativo escolar para que proporcione educación ás persoas con discapacidade, sobre todo as de tipo cognitivo intelectual, é enormemente laborioso porque se trata de transformar a educación, non só de axustes, e iso asusta, xera medo e incerteza e necesita moita reflexión, diñeiro, formación e vontade". "Sabemos da súa complexidade, pero se obviamos, negamos ou desacreditamos o informe da ONU e a Convención, e, en definitiva, non nos cremos os Dereitos das persoas con discapacidade, evitemos, polo menos, a hipocrisía de mencionalos", conclúe.