Dúas novas mortes con Covid elevan a cifra de decesos a 2.483 na Galiza

Traballador sanitario entra nunha ambulancia (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

O número de vítimas mortais ligadas á pandemia da Covid-19 na Galiza ascendeu este 5 de agosto a 2.483.

A Consellaría de Sanidade informou esta quinta feira, 5 de agosto, de dúas novas mortes con Covid-19 na Galiza, co que o número de falecementos a causa da pandemia elévase xa a 2.483.

Un dos novos falecementos produciuse onte, 4 de gaosto. Trátase dun home de 93 anos, e produciuse no Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol.

A outra morte, a dunha muller de 90 anos, rexistrouse na xornada deste 5 de agosto, en concreto no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña. En ambos os casos, presentaban patoloxías previas.

Os contaxios, por riba do milleiro

Por segunda xornada consecutiva, este 5 de agosto os contaxios de Covid-19 mantéñense por riba do milleiro na Galiza, despois de iniciar a semana por baixo desa marca. Esta recuperación motivou un lixeiro aumento das infeccións activas, que se sitúan en 18.643. Sanidade suma 1.110 casos novos, dos cales, por áreas sanitarias, a da Coruña suma 313; Vigo, 222; Pontevedra, 143; Lugo, 125; Santiago, 124; Ferrol, 95, e Ourense 88.

Os últimos datos de Sanidade deste 5 de agosto sinalan ademais que as persoas ingresadas pola Covid-19 en UCI soben a 52 -seis máis-, mentres que os doentes hospitalizados noutras unidades redúcense a 250 -sete menos-. Ademais, hai 18.341 pacientes en seguimento nos seus domicilios.