Ducias de persoas protestan en Vigo contra a violencia de xénero

Concentración esta terza feira en Vigo. (Foto: Nós Diario)
Solidariedade coa agredida en Valadares.

Ducias de persoas reuníronse esta terza feira diante do MARCO de Vigo para amosar a súa repulsa contra un novo acto de violencia de xénero. Os presentes expresaron o seu agarimo e solidariedade coa veciña de Valadares que foi agredida pola súa parella, que lle botou gasolina por riba para lle prender lume.

A concentración desta terza feira foi convocada pola plataforma Resposta Feminista. Tamén a Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos de Vigo condenou esta nova agresión, e representantes do BNG local asistiron á convocatoria.

A Rede reclamou formación unha “axeitada e obrigatoria” para todos os axentes e persoal en contacto con mulleres “que rachan coas súas situacións de violencia”, e demandou que estes delitos sexan xulgados sempre "con perspectiva de xénero". O 26 de setembro haberá unha nova concentración, coma cada última quinta feira de mes. Desde a Rede insisten en que “non se pode agardar máis” que o Código Penal acate os convenios internacionais para atallar esta lacra. Destacan que no que vai de ano houbo xa 78 feminicidios, nos que 67 mulleres e 11 fillas e fillos perderon a vida.