Ecofeminismo e ensino público: rachar o silencio da terra e das mulleres nun IES do Courel

Imaxe: S.G.
Unha actividade organizada por dúas profesoras serviu para pór riba da mesa ideas ligadas a movementos como o feminismo ou o decrecentismo que fan posíbel outro modelo de desenvolvemento que tome en conta a conservación da vida

A Ecoloxía definida como a ciencia que consiste en achar pracer na austeridade. Contos de nen@s en cuxo argumento zoa un vento libertario que leva canda si os tópicos misóxinos que fixeron da Carapucha unha muller que non corría cos lobos, e de Brancaneves unha escrava que limpaba e cociñaba para sete homes. E un reduto de biodiversidade onde medrou e botou raíces a obra poética do autor cuxo nome leva o centro de ensino que tornou posíbel esta utopía: Uxío Novoneyra.

Utopía porque falarlles @s moz@s do Courel sobre un pensamento alternativo, sobre feminismo, sobre o decrecemento e sobre os lindes entre o políticamente correcto e o verdadeiramente revolucionario é unha sorte de privilexio que só poderán gozar, mestr@s e alumn@s, namentres o ensino público sexa iso, público. E abofé que normas como o recentemente aprobado RD 14/2012 fan perigar este modelo educativo.

A (r)evolución cara a outra maneira de vida é posíbel no rural
Así as cousas, o narrado até aquí non é máis que o resumo dun programa de actividades deseñado por dúas profesoras --Rosa Alonso imparte a materia de Lingua Galega e Lourdes Glez. Sotelo imparte Bioloxía--, e bautizado como Descubrindo o Courel e poetizando o seu silencio. Alén das visitas guiadas a lugares emblemáticos da paisaxe courelá, houbo tempo tamén para por riba da mesa propostas prácticas para un outro modelo de desenvolvemento económico que tome en consideración a conservación da vida.

A experiencia foi pensada ao redor do irmandamento de dous centros de ensino: o IES Salvaterra de Miño e o CPI Poeta Uxío Novoneyra. Dous concellos antagonistas: un ubicado na costa, con ao redor de 10.000 habitantes; e o outro no interior lucense, coa décima parte da poboación, e envellecida. Co alumnado destes dous centros falaron Javier Guitián, Teresa Moure e Carmen Blanco, @s tres profesor@s universitari@s, e @s tres convencid@s de que non só nas cidades poden atoparse recunchos de liberdade. Foi Rosa Alonso quen fixo as veces de narradora da xuntanza no Courel.

E se as bolsas de Hornimans levasen herbas da Galiza?
Ollando imaxes do antes e o despois do Courel desde que canteiras como a da Campa --furada en plena Rede Natura-- ocuparon o territorio, Javier Guitián procurou para @s rapazas e rapaces actividades alternativas que porían en valor a riqueza do lugar sen destruír o natural, e que frearían a sangría da perda de poboación. Faloulles de que o 40% da diversidade da flora na Galiza medra nesas terras, e da cantidade de herbas medicinais que se dan alí, argumento que enganchou Teresa Moure para defender a soberanía alimentar dos pobos, o dereito a vivir da produción propia, lanzando ao ar unha pregunta para a reflexión: "e se todas as bolsas de Hornimans --marca que pertence a Sara Lee, a multinacional que acapara, xunto a Nestlé e Kraft, o mercado do café-- levasen herbas colleitadas no Courel?"

Divulgar a diferencia entre o ambientalismo e o ecoloxismo. Dicir que a primeira non cuestiona o Mundo tal e como é, e é sen embargo a opción que máis chega ás aulas dos institutos. Cuestionármonos a nós propi@s como seres consumidor@s e inculcármonos para os adentros a necesidade de asumir compromisos. Contar que a loita do proletariado pasa por entender que os recursos no Sur son limitados e o que duren dependerá do que fagamos no Norte. E provocar, espertar a reacción d@s moz@s, o debate ao redor de cuestións como ver no botellón unha forma de lecer capitalista. Sobre estes puntos xirou a conversa entre Moure e un alumnado que tivera como lectura obrigatoria un ensaio desta autora moi acaído para a temática a tratar: O natural é político.

Contos clásicos, perspectiva de xénero
Outra das obras na que se mergullaron foi Vermella con lobos, para discutir agora con quen puxo letra nova aos vellos contos, Carmen Blanco, sobre unha loita, a feminista, cuxa postura inicial era, como case sempre, reacia. Filla e neta de feministas, criada nunha familia de marcada ideoloxía republicana, Blanco partillou con el@s a razón pola que mudou 'lixeiramente' estes dez clásicos --Carapucha vermella, Peter Pan, As mil e unha noites, A sereíña, Bucles de ouro ou Os tres osiños, Brancaneves, A bela dormente do bosque, Cincenta, Barba azul e Alicia no país das marabillas--: para poder contárllelos ás súas fillas.

"Aínda que leran escritos d@s tres, gostaron moito da posibilidade de poder dialogar con el@s, de intercambiar opinións e de que as preguntas que foron lles xurdindo obtivesen unha resposta. Foi un luxo", valorou a profesora Rosa Alonso. O luxo de amosar, nun centro de ensino público, alternativas desde as que ver o Mundo.