Medio Ambiente

Ecoloxistas en Acción pide á Xunta que denegue a Altri a captación de auga e vertedura da planta de Palas de Rei

Proxecto Gama de Altri. (Foto: Ecoloxistas en Acción)
As verteduras previstas pola compañía serán "unha multiplicación da carga orgánica e da carga de nutrientes" que ingresan nos encoros, o que afectará, asevera, ás captacións "para o consumo humano, á calidade da auga para o baño" e a "todo o ecosistema actuático" do Ulla.

Ecoloxistas en Acción vén de reclamar á Xunta que denegue á compañía portuguesa Altri a solicitude de captación de auga e vertedura ao río Ulla para a planta de fibras téxtiles que proxecta en Palas de Rei (A Ulloa). A través dun comunicado, este colectivo súmase a outros ecoloxistas, como Adega, para criticar a instalación deste proxecto que "ocupará tanto terreo como a extensión de Santiago de Compostela" e "precisará dun consumo diario de auga superior" á que emprega "toda a poboación de toda a provincia de Lugo no mesmo día".

"Da captación devolverán tres cuartas partes da auga, pero desta auga devolta descoñécese o tipo de tratamento que terá despois do seu uso para os distintos procesos químicos que a pasteira realizará para fabricar fibras téxtiles e celulosa", asevera Ecoloxistas en Acción.

Ademais, a organización advirte que as verteduras previstas pola compañía serán "unha multiplicación da carga orgánica e da carga de nutrientes" que ingresan nos encoros, o que afectará, asevera, ás captacións "para o consumo humano, á calidade da auga para o baño" e a "todo o ecosistema actuático" do Ulla. A isto suma que esa parte da conca do río "sofre problemas importantes" de seca.

Por todo iso, Ecoloxistas en Acción non só pide a Augas da Galiza que denegue a solicitude de Altri, senón que reclama que solicite informes vinculantes "a polo menos 23 organismos" sobre "os impactos reais" que tería a autorización de captación e a vertedura sobre unha contorna polo que, ademais, pasa o Camiño de Santiago.