Medio Ambiente

Ecoloxistas en Acción denuncia ante a Fiscalía "a vertedura contaminante da cidade deportiva do Celta"

Protesta de Ecoloxistas en Acción diante da cidade deportiva do Celta.
Ecoloxistas en Acción entende que hai indicios claros por parte do Celta de delito contra o ambiente e a saúde pública.

Ecoloxistas en Acción vén de interpoñer unha denuncia ante a Fiscalía de Vigo solicitando que se abran dilixencias penais contra a SAD Celta por delito contra o ambiente e contra a saúde pública, "pola vertedura contaminante procedente das instalacións deportivas do Celta" en Mos (comarca de Vigo), que "está vertendo residuos sobre os mananciais das traídas veciñais das parroquias mosenses de Tameiga, Petelos e Sanguiñeda".

Os resultados da analítica da vertedura encargada por Ecoloxistas en Acción reflicten, segundo a organización, "unha altísima concentración de fecais e tamén a presenza de varios compostos químicos asociados aos pesticidas e fertilizantes habitualmente utilizados no coidado e mantemento dos campos de fútbol".

Para a organización ecoloxista as declaracións da alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, veñen a confirmar a súa denuncia. "O Concello de Mos recoñece xa que a tubaxe procede das instalacións do Celta e que ademais é un emisario do aliviadoiro dunha cuba de recollida de augas residuais dos regos", explican.

"Cando a cuba se enche, a auga sae por fóra e se alivia a través da tubaxe que verte no monte. Isto demostra que o vertido non é inocuo, xa que contén augas residuais contaminantes. Ademais a Confederación Hidrográfica Miño Sil confirmou que a vertedura carece de autorización e que iniciou un expediente para investigala", engaden.

"A vertedura contaminante procedente da Afouteza é claramente un delito contra o ambiente, mais tamén un delito contra a saúde pública. A poucos metros, ladeira abaixo da vertedura, atópanse varios mananciais das traídas de auga que corren un grave risco de contaminarse, se non o están xa", explica Ecoloxistas en Acción.

"A infiltración nos mananciais de produtos contaminantes pode afectar ás persoas e obrigar a clausurar as captacións de auga deixando a miles de fogares sen auga de boca", denuncia Xaquín Pastoriza​, coordinador da organización. Ademais, sinala que no caso de Mos, o Concello carece dun servizo municipal de subministración de auga ás casas co que suplir a clausura das captacións veciñais e particulares.

Ecoloxistas en Acción nega a validez da analítica encargada polo Concello de Mos porque esta análise "realizouse días despois de que a prensa recollera o seu comunicado denunciando a vertedura e cando o caudal, segundo varias inspeccións de membros da organización ecoloxista, non era máis que un pequeno fío de auga, en vez do gran caudal que manaba anteriormente".