Ecoloxistas en Acción denuncia "incumprimentos" na autorización ambiental da planta de lodos de Touro

Contaminación provocada pola mina de Touro no tramo medio do río Portapego (Foto: Nós Diario).
De acordo coa organización ambientalista, A Xunta da Galiza someteu a revisión da autorización ambiental en 2021, máis despois de numerosas alegacións e requirimentos, o procedemento continúa sen resolverse.

Ecoloxistas en Acción denuncia que a empresa TEN - Tratamientos Ecológicos del Noroeste, ligada ao complexo da antiga mina de Touro continúa operando sen unha autorización ambiental actualizada.

De acordo coa organización ambientalista, A Xunta da Galiza someteu a revisión da autorización ambiental en 2021, máis despois de numerosas alegacións e requirimentos, o procedemento continúa sen resolverse.

“Ecoloxistas en Acción vén denunciando o incumprimento do condicionado da anterior autorización ambiental, coa xeración de malos cheiros continuos e nauseabundos, que a empresa se nega a recoñecer”, sinalan.

De acordo oa organización, dentro destes incumprimentos, hai máis de dous anos, a Consellaría de Medio Ambiente requiriu a instalación dunha estación de medición de calidade do ar dotada de analizadores automáticos que debería integrarse na Rede de Calidade do Ar da Galiza, mais a día de hoxe “non se realizou esta actuación de control”.

Ademais, desde a organización ecoloxista e a veciñanza afectada denuncian que a actividade, na cal se procesan residuos de orixe doméstica e industrial, xustificárase no seu día como solución para a restauración dos terreos da mina de Touro, algo que 20 anos despois continúa sen terse conseguido.

“Esa suposta solución, articulada mediante un convenio asinado entre a Consellaría de Medio Ambiente e cátedra de Edafoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, entón encabezada por Felipe Macías, tamén ligado á empresa TEN, só conseguiu crear lucros aínda maiores para o conglomerado empresarial da antiga mina”, acrecentan.

Irregularidades urbanísticas

Ecoloxistas en Acción tamén cuestiona a legalidade urbanística das instalacións. Despois dunha inspección realizada polo Concello de Touro, o anterior Goberno municipal outorgou unha licenza de legalización das instalacións en outubro de 2022, que “se atopan en solo rústico”.

Ecoloxistas en Acción considera “ilegal” que fose o Concello o que iniciase o procedemento de reposición da legalidade urbanística, cando a competencia sancionadora corresponde á Axencia para a Protección da Legalidade Urbanística (APLU).

“Precisamente despois da inspección para comprobar a correspondencia entre as obras que foron autorizadas e as realizadas efectivamente sobre o terreo, constatouse que as obras executadas non se correspondían coas que foran obxecto de licenza”, precisan desde Ecoloxistas en Acción.