Ecoloxistas en Acción denuncia verteduras de augas fecais desde a Cidade Deportiva do Celta

Elena Álvarez, de Ecoloxistas en Acción, ante o emisario denunciado (Foto: Ecoloxistas en Acción).
Segundo denunciou a organización, esta zona de vertedura está "a poucos metros" de varios pozos de extracción das traídas de augas veciñais de Mos.

A organización Ecoloxistas en Acción denunciou ante a Confederación Hidrográfica Miño-Sil a existencia dun emisario de augas fecais que verte sobre os mananciais das traídas de augas veciñais en Mos (comarca de Vigo), procedente da Cidade Deportiva do Celta.

Nun comunicado, Ecoloxistas en Acción expón que encargou análise a un laboratorio autorizado nos que se confirma que a vertedura "ten unha carga de fecais que supera en 35 veces o máximo permitido".

"Grazas á alerta dun veciño, detectouse esta tubaxe de gran diámetro que sae soterrada do alxibe de desperdicios da cidade deportiva do Celta, e cuxa boca está escondida entre matogueiras", sinala a organización.

Tras o aviso deste veciño, Ecoloxistas inspeccionou o perímetro nordeste que limita co monte de Tameiga, e localizou unha tubaxe de gran diámetro, que sae as instalacións do club e que "verte a uns metros ladeira abaixo, coa boca do tubo escondida entre arbustos".

Segundo denunciou, esta zona de vertedura está "a poucos metros" de varios pozos de extracción das traídas de augas veciñais de Mos, que abastecen a gran parte dos fogares das parroquias de Tameiga, Petelos e Sanguiñeda.

Por iso, a organización encargou a realización dun estudo a un laboratorio, cuxos resultados evidencian que esa vertedura contén unha alta concentración de coliformes fecais (3.600 ufc/100 ml, cando o máximo permitido é de 100), e tamén altas concentracións de enterococos e estreptococos, ou de escherichia coli (E-coli).

"Risco para a saúde"

Ecoloxistas en Acción puxo os feitos en coñecemento da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, porque se está "pondo en risco a saúde das familias que se fornecen da auga dos pozos que se atopan ladeira abaixo da vertedura". Igualmente, informou á plataforma A auga é vida e á Comunidade de montes de Tameiga.

A enxeñeira forestal e portavoz da organización ecoloxista, Elena Álvarez subliñou que "o Celta coñece dabondo a existencia dos mananciais e captacións de auga das traídas", e a pesar diso fai unha "vertedura continuada con alta carga de fecais" que "é unha ameaza". "Isto é un delito ambiental, mais tamén un atentado contra a saúde pública que levaremos ante a Xustiza", advertiu Álvarez.