Ecoloxistas levan á Fiscalía a mina da Penouta por contaminación con metais pesados

Mina da Penouta (Foto: Ecoloxistas en Acción)

Denuncia que os niveis de cadmio nun rego próximo á mina superan 112 veces o máximo legal, mentres que os de arsénico están 30 veces por riba dos límites permitidos.

Ecoloxistas en Acción ven de presentar unha denuncia ante a Fiscalía de Ourense contra a mina da Penouta,de Viana do Bolo (comarca de Viana) propiedade da empresa canadense IberAmerican Resources,” logo de que as analíticas realizadas por un laboratorio acreditado en canles fluviais e traídas de auga próximas á explotación mineira mostraran niveis alarmantes de metais pesados”.

Os resultados confirman as denuncias previas de Ecoloxistas, indica esta organización, que xa instara a paralización da actividade ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza. “O tribunal estimou esta medida cautelar o pasado mes de outubro á vista do risco sobre a Zona de Especial Conservación de Pena Trevinca e ante a ausencia dunha avaliación de impactos sobre a Rede Natura 2000”.

Nun dos regos situados augas abaixo da mina, afirma Ecoloxistas, “precisamente dentro da Rede Natura 2000”, “os valores de cadmio, substancia tóxica e canceríxena, superaban 112,5 veces o valor máximo permitido polas normas de calidade ambiental, mentres que os valores de arsénico tamén estaban 30 veces por riba do nivel legalmente permitido”.

!No caso da traída de augas analizada, superábase igualmente o límite máximo para arsénico en augas de consumo humano. Estes feitos puxéronse igualmente en coñecemento da Confederación Hidrográfica Miño-Sil”.

A organización ambientalista di que as análises revelan ademais que os niveis de metais pesados son máis altos dos que a empresa mineira medira hai 10 anos, con anterioridade ao inicio da explotación, de modo que a contaminación non pode atribuírse á antiga atividade dos anos 80, afirman.

“Por iso, na denuncia formulada tanto contra a empresa mineira como contra os principais directivos de IberAmerican Resources, exponse que estes serían presuntamente responsábeis dun delito contra o medio ambiente e os recursos naturais, na súa modalidade agravada de risco para a saúde das persoas”.

Reinicio da explotación

Ecoloxistas en Acción considera temerario que a empresa anunciara a semana pasada que reiniciaría os traballos de explotación, a pesar da suspensión cautelar ditada polo TSXG, agora recorrida pola empresa ante o Tribunal Supremo.

“Para facelo, escúdase en que apenas reprocesará os lodos almacenados nos depósitos de residuos, pero para a organización ecoloxista isto implicará por en risco de ruptura unhas balsas que xa están en situación crítica e cuxas fugas son precisamente responsábeis da contaminación existente”.

Ademais de persnarse no recurso da empresa ante o Tribunal Supremo, Ecoloxistas en Acción indica que a gravidade da contaminación xustifica que se adopten novas medidas cautelares a nivel penal para impedir os danos á saúde das persoas e aos ecosistemas.

 Tamén esixen á Xunta da Galiza “deixar de encubrir os danos ambientais causados pola empresa, na que precisamente traballa o presidente da Cámara Oficial Mineira de Galicia, Juan José López Muñoz”.