Medio Ambiente

Ecoloxistas en Acción pide aos gobernos europeos que se comprometan a reducir a deforestación

Serra do Courel, que se estende polos concellos de Folgoso -na súa maior parte-, Quiroga e Pedrafita do Cebreiro. (Foto: José Antonio Gil).
O consumo da UE é un factor chave na deforestación e degradación forestal en todo o mundo.

Ecoloxistas en Acción pediu esta quinta feira aos gobernos europeos que se comprometan a reducir a deforestación e destacou que unha "ferramenta fundamental para mitigar esta problemática" é o EUDR, un regulamento que busca abordar a deforestación e a degradación forestal vinculadas ao consumo e produción na Unión Europea do gando, aceite de palma, soia, cacao, café, madeira e caucho.

"O EUDR pode protexer os bosques, promovendo a mitigación do cambio climático e os seus efectos globais, que aumentan o risco de incendios. Con todo, o seu éxito depende da implementación inmediata e o cumprimento rigoroso por parte de todos os Estados membros da UE", subliñou a portavoz do grupo ecoloxista, Silvia Fernández.

Tal e como indicou Ecoloxistas en Acción, o consumo da UE é un factor chave na deforestación e degradación forestal en todo o mundo. Neste senso, lembrou que a expansión agraria causa "perto de 90% da deforestación mundial, especialmente no Sur global, onde se producen a maior parte dos alimentos". En concreto, 58% da deforestación mundial vinculada á agricultura entre 2001 e 2015 —123 millóns de hectáreas— correspondeu só a gando, aceite de palma, soia, cacao, café, madeira e caucho.

Ademais, a organización lembrou que a deforestación xoga un papel "crucial" na proliferación dos incendios forestais, pois a perda de cobertura forestal ten impactos na regulación do clima e xera un aumento de emisións de dióxido de carbono (CO2). O cambio climático resultante eleva as temperaturas, a severidade das vagas de calor e as secas, o que á súa vez incrementa a frecuencia e gravidade dos incendios forestais, que pola súa parte causan máis deforestación.

Aliás, Ecoloxistas en Acción destacou o rol dos bosques na regulación do ciclo hidrolóxico e que a súa destrución pode alterar os patróns de choiva globais, o que á súa vez contribúe á aparición de secas. Segundo a organización, estas condicións favorecen que a vexetación estea máis seca, o que crea unha contorna "propicia" para os incendios forestais.