Medio Ambiente

Nova denuncia de Ecoloxistas en Acción polas verteduras da mina de Touro

Terreos ao carón do río Portapego, en Touro (comarca de Arzúa), afectados polos ácidos da mina cobre. [Foto: Xan Louzao]
"Os ríos que saen da contorna da mina seguen nun estado lamentábel de contaminación e turbidez, e así o demostra esta nova denuncia", aseguran as activistas.

A finais do pasado ano Ecoloxistas en Acción presentou unha denuncia contra a explotación mineira de Touro polas "continuas verteduras", uns feitos que o Xulgado de instrución de Arzúa considerou suficientes para abrir dilixencias penais por un presunto delito contra os recursos naturais e o medio ambiente.

Aliás, en maio deste mesmo ano Augas da Galiza iniciou un expediente sancionador após recibir varias denuncias en relación a unha vertedura "non autorizada" de Explotacións Galegas S.L., a empresa que actualmente explota a canteira de áridos na mina histórica de Touro, ao río Brandelos.

Agora, segundo informa esta terza feira a través dun comunicado remitido aos medios, Ecoloxistas en Acción vén de realizar unha nova denuncia diante de Augas da Galiza polo "lamentábel estado no que os ríos saen da contorna da mina". Denuncian que o "continuo desleixo" da Xunta para a restauración das augas na contorna da mina "estaba motivado pola intención de reimpulsar a explotación mineira", cuxo expediente foi declarado a pasada semana "proxecto industrial estratéxico".

O colectivo ambientalista salienta que, cando en 2020 se denegou o proxecto da mina de Touro "o partido do Goberno [o PP], cos seus conselleiros á cabeza, alegrouse moito" de anunciar que "tal e como estaba redactado o proxecto non se garantía a sostibilidade ambiental" e contaba con informes "desfavorábeis e insalvábeis" de Patrimonio Natural e de Augas da Galiza, afirmando tamén que o proxecto mineiro tería "unha afección grave á calidade das aguas" dos municipios do Pino e Touro.

Tamén precisaba a Administración que, no caso de producirse "un desastre", non se podería garantir "a protección dunha zona de especial conservación (ZEC)". Pero, din as ecoloxistas, "a pesar de que o propio conselleiro de Economía, Emprego e Industria, daquela Francisco Conde, compareceu ao mesmo tempo na sede parlamentaria para comprometerse a exixir á titular dos terreos da mina un plan de restauración das augas, esas intencións "non se cumpriron".

Ecoloxistas en Acción ten denunciado estes anos en reiteradas ocasións que "nunca se acometeu o proxecto integral de drenaxe das augas acedas de mina". "Os ríos que saen da contorna da mina seguen nun estado lamentábel de contaminación e turbidez, e así o demostra a nova denuncia interposta hoxe", aseguran.

"Non mudou nada"

Hai catro anos, o Goberno galego paralizou a reapertura da mina de Touro. Agora, cun proxecto de Cobre San Rafael no que a veciñanza e grupos ecoloxistas insisten en que "non se muda nada", outórgalle a consideración de PIE, que podería significar que nun ano estea operando de novo a empresa na zona.