Ecoloxistas critican os ‘ouvidos xordos’ perante as denuncias por plantacións ilegais de eucaliptos

Adega afirma que apenas 10% das denuncias presentadas acabaron no arrincado dos eucaliptos.

 

 

Entre 2016 e xuño de 2016 a Asociación para a defensa ecolóxica da Galiza (Adega) presentou unhas 300 denuncias por talas e plantacións ilegais de eucaliptos só na provincia de Lugo. Destas denuncias, apenas 10% remataron con arrincado dos eucaliptos e/ou sanción, mentres que un 12% foron desestimadas e o restante 78% simplesmente ficaron sen resposta.

 

Para Adega, os motivos argumentados pola Xunta para nin actuar perante estas eenuncias son simples escusas, que van desde a caducidade dos expedientes sancionadores até retortas interpretacións da lei de Montes.

 

“Medio Rural non é o único organismo público reticente a actuar fronte aos plantíos ilegais de eucalipto”, indica Adega. Dende 2016 Adega e Mariña Patrimonio presentaron 60 denuncias contra a industria forestal por danos a xacementos arqueolóxicos nos labores de tala ou repoboación. “Destas 60 denuncias, só 22 obtiveron resposta da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, e destes 22 casos, só 2 deron lugar a expedientes sancionadores. As 20 denuncias restantes arquiváronse por unha suposta non apreciación dos danos ou por falta de protección legal do xacemento, malia a tratarse de elementos patrimoniais pre-inventariados pola consellaría e identificados cun código ou referencia oficial. O simples recoñecemento da existencia destes bens non tería que ser suficiente para frear as actuacións que provoquen a súa destrución ou alteración?”.