Ecoloxistas denuncia o turismo "incívico" en espazos naturais da ría de Arousa

LIxo e feces (Foto: Ecoloxistas en Acción)

A organización ecoloxista lembra que a acampada e o estacionamento prolongado de vehículos camperizados é totalmente ilegal en espazos do Dominio Público Marítimo-Terrestre, o que xa motivou unha primeira denuncia ante a Demarcación de Costas do Estado na Galiza

Ecoloxistas en Acción anunciou esta terza feira que comezará a interpor denuncias individuais aos infractores da "proliferación sen precedentes" de acampadas ilegais que están a ter lugar nos espazos naturais costeiros da ría de Arousa.

A través dunha nota de prensa, a organización alertou que nas últimas semanas os lugares do litoral convertéronse en "zonas incontroladas de autocaravanas e furgonetas", nas que os seus usuarios cometen actos "incívicos" como cortar a vexetación ou deixar residuos.

En particular, o colectivo fai referencia no comunicado a unha decena de vehículos que a primeira fin de semana de agosto "converteron o bosque do Porrón (Rianxo, comarca do Barbanza) nun 'macrocamping' con toldos, mobiliario e zonas con excrementos".

"Non se trata de viaxeiros de paso nin de campistas xuvenís de fin de semana, senón de turistas totalmente equipados para unha estancia longa que están a ser totalmente irrespetuosos coa contorna natural", sinalou o portavoz Anxo Vela.

A organización ecoloxista lembra que a acampada e o estacionamento prolongado de vehículos camperizados é totalmente ilegal en espazos do Dominio Público Marítimo-Terrestre, o que xa motivou unha primeira denuncia ante a Demarcación de Costas do Estado na Galiza. Non obstante, lamentan a falta de control, ausencia de sancións e mesmo a negativa das Administracións para tomar medidas para a protección destes espazos litorais, como pode ser a instalación de sinais ou obstáculos que impidan o acceso de vehículos.

"Causan danos"

Nesa liña, a organización engadiu que as prácticas de turismo incívico "non só causan grandes danos a estes espazos naturais, senón que tampouco achegan nada ás economías locais, creando un problema de imaxe".

Ante a "ausencia de sancións e a negativa das Administracións para tomar medidas para a protección destes espazos", Ecoloxistas en Acción optará por reclamar ante a xustiza acciones que "poden supoñer a comisión de delitos contra o medioambiente e os recursos naturais".