Ecoloxistas denuncian novas sondaxes na mina de litio 'Alberta I'

Serra do Suído, onde o Grupo Samca pretende abrir a mina.
A mineira 'intenta eludir' a caducidade da licenza de investigación outorgada hai case dúas décadas. 

Ecoloxistas en Acción e a Plataforma SOS Suído-Seixo denunciaron esta quinta feira novas sondaxes na mina de litio Alberta I, localizada entre as comarcas de Terra de Montes, Pontevedra, O Ribeiro e O Carballiño. 

En concreto, os ecoloxistas interpuxeron varias denuncias contra a empresa Recursos Minerais de Galicia, filial do Grupo Samca, pola nova campaña de sondaxes que iniciaron no monte veciñal en man común de Doade, após a derrota xudicial do proxecto dos pasados anos

Neste senso, recordaron que a mineira xa presentara un proxecto de explotación para a primeira das fases da macromina de litio 'Alberta I', que afecta Beariz, A Lama, Forcarei, Avión e Cerdedo-Cotobade. 

"A empresa pretende esquivar a caducidade do permiso de investigación, concedido hai case dúas décadas e que a día de hoxe a Administración mantén vixente", alertaron. 

Non obstante, indicaron que as sondaxes realizadas até o momento no Monte da Lama Cega atópanse próximas ao rego do Porto de Anta, "sen que conste que o Miteco autorizara estas actuacións".

Os ecoloxistas aseguraron que o proxecto que pretende presentar a empresa supón fragmentar artificialmente unha macromina, coa intención de explotar sucesivamente media ducia de minas ao longo de 20 quilómetros, incluíndo varias ao aire libre.

Ademais, a empresa Strategic Minerals pretende continuar a súa explotación desde Penouta até Avión (O Ribeiro), Boborás (O Carballiño) e O Covelo (A Paradanta), onde está tramitando os proxectos 'Alberta II', 'Carlota', 'Macarena' e 'Maite'.