Ecoloxistas advirten dun novo perigo da mina de Touro: quere verter perto de 1.500 millóns de litros de augas residuais á cunca do Ulla

Verteduras supostamente procedentes da mina de Touro denunciadas por Ecoloxistas en Acción. (Foto: EA)

Ecoloxistas en Acción denuncia que Explotaciones Gallegas, propietaria da mina de Touro xunto con Atalaya Mining, que  ostenta os dereitos de explotación a través da empresa pantalla Cobre San Rafael, solicita a autorización de vertidos contaminantes ao dominio público.

Ecoloxistas en Acción denuncia que a bacía do río Ulla, e o propio río, van sufrir un vertido de 1.440.000.000 litros de augas residuais e 535.000 litros fecais ao ano se finalmente a Xunta da Galiza atende a solicitude da mina de Touro (Comarca de Arzúa) e autoriza estes vertidos ao dominio público hidraúlico.

Explotaciones Gallegas, empresa propietaria, a empresa solicitante do vertido é a propietaria da mina de Touro xunto con Atalaya Mining, mineira que ostenta os dereitos de explotación a través a empresa pantalla Cobre San Rafael.

Materiais pesados

Segundo sinalan desde a asociación ecoloxista, gran parte dos vertidos serán augas residuais industriais procedentes dos lavadoiros dos camións da planta de reciclaxe de plásticos de silos, augas do proceso de lavado de áridos ou augas residuais da actividade da planta de tratamento de residuos de lodos e depuradoras para a elaboración de tecnosolos.

Todas esas augas verteranse ao río Pucheiras, afirma a entidade nun comunicado, e aínda que a mineira di que serán previamente bombeadas a unha planta de tratamento de augas onde se tratarán quimicamente, Ecoloxistas en Acción suma ao perigo dunha "defectuosa ou insuficiente depuración" que ditas augas arrastren metais pesados procedentes dos depósitos de estériles da antiga mina fechada hai máis de 30 anos sen plan de restauración.

"Tamén queren verter as surxencias bombeadas do depósito de estériles da mina, para manter o  nivel de cota da balsa de augas acedas do Vieiro nunha cota inferior a 303 metros, sen explicar como fixo até o de agora con esas augas que sobraban na mesma balsa e que entendemos que van polo río Pucheiras dende hai anos sen autorización de vertido, coa escusa de que son escorreduras", sinala Ecoloxistas en Acción.

Danos continuados

A organización ecoloxista tamén informa de que deu traslado á Fiscalía de Medio Ambiente as filtracións contaminantes da denominada "zona húmida reactiva da corta de Bama", no concello de Touro. Ecoloxistas denunciou que esta zona húmida está a ser baleirada "polos terreos da mina filtrándose ao subsolo sen ningún tipo de tratamento, nin impermeabilización".

Unha descarga que se está a facer, insiste, "sen ningunha análise previa das augas subterráneas para determinar que danos se poden estar ocasionando". Segundo avanza, estes feitos tamén foron postos en coñecemento do xulgado de Arzúa, onde se tramitan varios expedientes das múltiples denuncias que se acumulan arredor da mina de Touro polo dano continuado ao medio.