Ecoloxistas piden dar máis peso a criterios ambientais e sociais nas poxas de enerxía eólica mariña

Parque de eólica mariña promovido por Acciona. (Foto: Europa Press)

Propoñen cinco medidas para lograr a neutralidade climática “non máis tarde de 2040”

Ao igual que xa fixera o sector pesqueiro e formacións políticas como o BNG, Amigos da Terra, Ecoloxistas en Acción, Greenpeace, SEO/BirdLife e o Fondo Mundial para a Natureza (WWF) pediron aumentar o peso dos criterios ambientais e sociais na valoración xeral de proxectos nas poxas de enerxía eólica mariña con respecto aos recollidos no borrador do Real Decreto que regula a produción de enerxía eólica mariña.

Así mesmo, as organizacións instan o Goberno español a delimitar o despregamento deste tipo de enerxía aos polígonos Zonas de Alto Potencial para o desenvolvemento da Enerxía Eólica mariña (Zaper); facer obrigatorio o diálogo público-privado e incluílas na nova mesa de traballo na que se negociará a implantación da eólica mariña con todos os sectores interesados.

Neste sentido, lembran a "urxencia" na Unión Europea (UE) e España para lograr a neutralidade climática non máis tarde do 2040, así como o compromiso de protexer polo menos o 30% do espazo mariño para o 2030. Para conseguilo, fan cinco propostas.

Cinco peticións

A primeira, limitar o despregamento da enerxía eólica mariña aos polígonos Zaper. Neste sentido, instan a abrir estas Zaper de forma graduada e dando prioridade a aquelas que representen un menor grao de impacto ambiental.

Á súa vez, propoñen que a Administración realice unha Avaliación Ambiental previa para cada Zaper para poder estabelecer un número máximo de aeroxeradores que poderían desenvolverse na área e a súa localización óptima dentro da mesma. En todo caso, indican que se deberá excluír calquera proxecto que puidese lindar ou solapar con Zonas de Uso Prioritario para a Biodiversidade.

En segundo lugar, insisten en aumentar o peso dos criterios ambientais até o 50% e os sociais até o 25% na valoración xeral de proxectos nas poxas no canto do 30% reflectido no borrador do Real Decreto. Neste sentido, pedirán formalmente ao Goberno español modificar a Lei do Sector Eléctrico para facelo posíbel.

En terceiro lugar, critican que segundo o borrador do Real Decreto o procedemento de concorrencia competitiva quedará concretado e regulado a través dunha posterior Orde Ministerial, o que ao seu xuízo limita "significativamente" a participación pública durante o resto do proceso. Na súa opinión, é necesario desenvolver e fixar as condicións de concorrencia competitiva no borrador e á súa vez, que a Dirección Xeral de Biodiversidade, Bosques e Desertificación leve a cabo un informe antes da redacción da Orde Ministerial que dea apertura ao procedemento de concorrencia competitiva para valorar e ordenar as Zaper segundo o seu nivel de impacto sobre a natureza.

En cuarto lugar, piden que a estrutura e o formato do diálogo público-privado quede previamente definido e que conte coa participación das comunidades locais e as asociacións de defensa do medio ambiente, ademais de cos sectores e Administracións públicas afectados.

Por último, as organizacións instan a crear un Fondo Público para o Apoio Socioeconómico e Ambiental en cada Zaper que sexa alimentado por un canon á xeración de cada proxecto destinado ao financiamento de proxectos e actividades que fomenten o desenvolvemento socioeconómico sostíbel e a protección ambiental da zona e as comunidades locais afectadas.