Ecoloxistas e veciñas denuncian os riscos das verteduras na canteira de Touro

Amoreamento de lodos denunciado pola entidade ecoloxista. (Foto: Ecoloxistas en Acción)

A entidade Ecoloxistas en Acción así como a veciñanza de varias parroquias do municipios aseguran que as zonas abandonadas da mina teñen amoreamentos de lodos que producen emanacións de “metano e amoníaco”.

Após os momentos contra a mina de Touro, agora Ecoloxistas en Acción advirte dos graves prexuízos que está a sufrir a veciñanza pola vertedura de lodos na canteira que ficaron abandonadas.

Segundo a entidade, que fai alusión a denuncias de habitantes de varias parroquias, hai “continuas emanacións de metano e amoníaco” procedentes deses amoreamentos.

Ante ese “desamparo” da poboación “por parte das institucións”, volven pedir á Xunta e ao Concello de Touro que actúen “para remediar esta grave situación de contaminación atmosférica” que provocan os lodos e outros residuos.

En concreto, a organización urxe á Consellaría de Medio Ambiente a atender as demandas das veciñas e veciños, que xa se dirixiron ao Goberno galego noutras ocasións. “Segundo denuncia a propia veciñanza os cheiros son tan fortes que producen mareos, falla respiratoria e incluso desfalecementos”, din.

Isto, na práctica, impide que se faga unha vida normal en todo momento. De feito, a entidade indica que o vapor que produce o amoníaco “é altamente tóxico e nocivo para a saúde, sendo severamente irritante aos ollos e o tracto respiratorio”. Até pode acabar en “queimaduras e cegueira temporal”.

“Altas concentracións de NH3 poden causar falla respiratoria e a morte. Non menos grave é a intoxicación por metano, este gas asfixiante pode provocar a perda de consciencia e a morte por insuficiencia cardiovascular”, reiteran co obxectivo de que as Administracións competentes fagan algo ao respecto.

De forma engadida, os lodos tamén están a contaminar regatos e zonas húmidas da contorna, polo que entenden que é preciso restaurar os espazos deixados como consecuencia do abandono da canteira.