Ecoloxistas ven na nova Lei de recursos naturais "carta branca" para as eólicas

Parque eólico Mouriños, nos concellos de Cabana de Bergantiños e Zas. (Foto: Nós Diario)
A Galiza exportou o ano pasado máis de 40% da electricidade xerada.

A Asociación de Defensa Ambiental Salvemos Cabana denunciou onte que o canon anunciado polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, dentro do proxecto da norma para gravar as liñas de evacuación da eólica mariña, "non é máis que unha cortina de fume para impor unha serie de proxectos de alto impacto sobre sectores esenciais na economía galega como o turístico e o da pesca tradicional", dos que, aseguraron, "dependen de maneira directa e indirecta miles de familias do país". 

Desde a asociación sinalaron o "papel protagonista" da Xunta na transición enerxética "ao que alude o líder do PP" criticando que o Goberno galego exportou o ano pasado, segundo datos oficiais, 40% da electricidade xerada "nun contexto no que a poboación viu moi incrementadas as súas facturas de consumo nos últimos anos". 

Nesta liña, aseguraron, baseándose nos datos de Rede Eléctrica Española, que a Galiza "é un territorio netamente exportador", cunha produción superior aos 22.000 MWh, dos cales, máis de 14.500, son de orixe renovábel, unha cifra que "supera con creces" o consumo interno do país.

Consecuencias na paisaxe e na calidade de vida das persoas

Esta situación, sinalaron, "non é nada beneficiaria para a poboación" e está a "prexudicar gravemente a paisaxe, a biodiversidade e a calidade de vida da poboación galega, especialmente no rural". 

Así, denunciaron que a Galiza é unha "vaca leiteira" de recursos a baixo custo e alto rendemento para as grandes multinacionais do sector enerxético e "que asume todos os impactos sociais e ambientais pero recibindo a cambio unhas migallas", concluíron desde a asociación Salvemos Cabana.