Este é 'Ecumene Aztec', o videoxogo que esperta a cólera do ultraespañolismo

Imaxe do adianto de 'Ecumene Aztec' (Foto: Youtube / Ecumene Games).
O balbordo en torno ao videoxogo armouse tras a toma non autorizada do dominio da páxina web, asociada á empresa que desenvolve o xogo e que estaba sen rexistrar, por parte de ultraespañolistas.

O adianto do videoxogo Ecumene Aztec, que ofrecerá a posibilidade de controlar un guerreiro azteca para combater os conquistadores españois e deter a caída de Tenochtitlán, xerou a ira de sectores de extrema dereita española.

O lanzamento oficial de Ecumene Aztec, desenvolvido e editado polo estudo polaco Giantscraft Games, está programado recentemente para 2025. Con todo, o videoxogo, que algúns comparan coa famosa serie 'Assassin's Creed', xa xerou comentarios tanto positivos como negativos por parte de quen apunta ao retrato simplificado da civilización que habitaba o que hoxe é México.

Pero o balbordo en torno ao videoxogo armouse tras a toma non autorizada do dominio da páxina web, asociada á empresa que desenvolve o xogo e que estaba sen rexistrar, por parte de ultraespañolistas que converteron o sitio nun lugar para propagar o enaltecemento do imperialismo español, recolle o portal The Verge.

Así, o sitio web saúda os usuarios cunha frase atribuída ao conquistador español Hernán Cortés, responsábel da destrución de Tenochtitlán, que vén acompañada da cruz de Borgoña, símbolo usado por sectores ultraespañolistas. A páxina tamén ten unha ligazón que redirecciona a unha conta en redes sociais infestada de ‘memes’ que promoven o imperialismo español. 

Desde o medio indican que todo sucedeu logo de que Giantscraft non reservase o dominio giantscraft.com, polo que, tras o adianto de Ecumene Aztec, alguén decidiu roubalo e enchelo con propaganda do imperialismo español.

Un portavoz da compañía confirmou a toma do dominio en comentarios a The Verge e aseverou que desde o anuncio do xogo "estiveron baixo o ataque de grupos de extrema dereita" e que mesmo recibiron ameazas de morte.

"Os españois foron os invasores"

Pola súa parte, o historiador mexicano especializado na conquista de México, Federico Navarrete, sinalou en comentarios ao diario El País que os que roubaron o dominio "non están abertos a aceptar a información histórica". "O único que lles importa é unha reivindicación españolista. Os españois foron os invasores e os agresores. É máis ben un problema que teñen algúns coa verdade histórica", resaltou.

Non obstante, o especialista criticou o retrato de Tenochtitlán no videoxogo. "A ambientación parece ser moi ambigua. Presenta aos aztecas como pobos selváticos e iso é algo que vexo aquí tamén e iso pois ten máis ben que ver cos prexuízos racistas dos europeos que asocian o salvaxismo coa selva. Se ían facer unha representación dos mexicas ou aztecas, poderían mostrar as chinampas ou os acuedutos", sostivo.

Cambios no xogo

Ante as críticas, a empresa que desenvolve o xogo apresurouse a introducir cambios. Nunha actualización do pasado 2 de xuño Giantscraft dixo escoitar o público "alto e claro" e precisou que permitirá aos afeccionados loitar ao lado dos guerreiros aztecas para repeler a "os recentemente chegados" e tamén elixir os conquistadores para baterse contra "a caste de sacerdotes sacrificadores".

Ademais, prometeron refacer o retrato de Tenochtitlán e facer "todo o posíbel" para asegurar que o xogo sexa "historicamente máis preciso". O portavoz da empresa recoñeceu en comentarios a The Verge que os cambios non foran planeados inicialmente. "O xogo non é político en absoluto e nunca o será, é historia ficción", sinalou.