Un incendio calcina por completo un edificio e afecta outros lindeiros en Ourense

Rúa Reza, en Ourense, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Google)
O 112-Galiza informou tamén dun lume nunha vivenda da Coruña e outro nunha nave industrial de Mos.

Un incendio urbano calcinou nas últimas horas por completo un edificio deshabitado situado na rúa Reza, en Ourense, sen que se producisen danos persoais, e que obrigou a cortar a rúa do inmóbel, así como un carril da próxima rúa do Progreso.

O 112-Galiza recibiu o aviso deste suceso ás 5 horas da madrugada deste sábado. Nese momento, a central de emerxencias pasou aviso á Policía Local e aos Bombeiros de Ourense, que xa deron por controlado o incendio e comproban agora o estado das vigas do edificio, que son de madeira.

Segundo informa a axencia Europa Press, o fogo calcinou completamente a estrutura interior de madeira e a cuberta. Aliás, este incendio afectou varios edificios lindeiros, chegando a danar a cuberta dun deles.

A rúa Reza fica fechada ao tráfico de vehículos e peonil mentres os servizos de emerxencias traballan na extinción completa do incendio. No caso da rúa do Progreso, xa se atopa aberta ao tráfico desde as 9.54 horas. Nesta última, como consecuencia da intervención que se leva a cabo na zona, un dos locais comerciais non puido desenvolver a súa actividade á primeira hora. O dispositivo de seguridade continuará esta tarde. Tamén se abriu unha investigación para determinas as causas do incendio.

Outro lume nunha vivenda da Coruña

Ademais, o 112 tivo coñecemento dun incendio na cidade da Coruña que afectou a habitación dun piso nun edificio de oito plantas situado na rúa do Mosteiro de Caaveiro. A situación orixinouse por un curtocircuíto e só provocou danos materiais, xa que os veciños puideron saír das súas vivendas.

De feito, foron varios os veciños que chamaron ao 112 para solicitar medios de extinción poucos minutos despois da medianoite. Un deles indicou que escoitara unha explosión, seguida dunha intensa fumareda.

Fogo nunha nave industrial de Mos

Por outra parte, os servizos de emerxencias extinguiron un terceiro incendio que calcinou diversos materiais dunha nave industrial situada no municipio de Mos (comarca de Vigo). As chamas queimaron unha carretilla elevadora, parte dun camión e unha zona da edificación onde estaban situadas algunhas oficinas.

Varios particulares alertaron á central de emerxencias ás 23.30 horas da noite desta sexta feira para dar aviso da situación no camiño do Campo Redondo, na parroquia mosense de Cela. Unha vez extinguido o incendio, os equipos de intervención informaron ao 112 de que a subministración eléctrica da edificación tivera que ser interrompido, polo que se contactou coa empresa responsábel co fin de restablecerse as condicións de seguridade.