Editoriais de medios españois vinculan o proceso independentista e a acollida de inmigrantes co atentado de Barcelona

O editorial de El Mundo di que se antepuxeron “intereses electorais vinculados ao independentismo” sobre a “seguridade nacional”. En El País afirman que un ataque “desta magnitude” debería facer “volver á realidade” ao goberno catalá e deixar a“quimera secesionista”.

Cóntao o medio ‘Nació Digital’: “Algunhas análises procedentes de Madrid” establecen unha ligazón entre as políticas de integración de persoas recén chegadas e o proceso independentista co atentado de Barcelona. E sinala como exemplo deste comportamento os editoriais de El País e El Mundo, dous dos diarios de maior tiraxe no Estado español.

 

Así, El País lamenta que o ataque terrorista nas Ramblas se dea “nun momento de máxima confusión política en Catalunya” e considera que un ataque “desta magnitude” debería de facer retornar “á realidade as forzas políticas catalás que, desde o Govern, o Parlament ou os movementos pola independencia fan da quimera secesionista a única actividade da axenda política nos últimos anos”. "É hora de acabar cos sensentidos democráticos, a violación flagrante das leis, os xogos de enganos, os tacticismos e os oportunismos políticos".

O editorial do diario do grupo Prisa conclúe cunha chamada ao goberno catalán para que se poña “a traballar nunha axenda real ao servizo dos problemas reais que afectan a cidadanía”.

 

O editorial de El Mundo afirma que Catalunya é o territorio no Estado onde Daesh “mantén unha intensa mobilización”, algo que logra a través de “mezquitas descontroladas e da impunidade coa que a propaganda jihadista se propaga polas redes”. Para este diario, estes dados deberían “facer reflexionar” ás autoridades catalás “sobre unha política de acollida na que ás veces primaron os intereses electorais, vinculados ao independentismo, sobre a seguridade nacional”.

Carles Puigdemont cualificou de “miserábeis”as voces que aproveitan o ataca terrorista oara criticar o independentismo e condenou aqueles editoriais que a conta do atentado aproveitaron para reivindicar a unidade do Estado español.

 

Solidariedade e apoio

 

Ao longo das últimas horas desde diferentes puntos do Estado, de Europa e do mundo chegaron mensaxes de solidariedade e apoio a Barcelona e Catalunya. Mensaxes tanto de autoridades e cargos políticos e institucionais como da cidadanía.  

Tampouco faltaron nas redes contestacións polémicas. Como a do alcalde de Ourense, Jesús Vázquez (PP). Martiño Xosé, un dos edís de Ourense en Común, pedíalle en twitter a convocatoria dun minuto de silencio en solidariedade coas vítimas de Barcelona. O alcalde respostoullea través desa mesma rede cun "me alegra saber que decís no al terrorismo, solo os falta decir NO a la dictadura de Maduro".