Educación aproveita o verán para anunciar o feche de 5 novas escolas e supresión de 100 empregos

Imaxe de @xuntosPAP

Suprimirá máis de 60 aulas en Primaria, Infantil e centros rurais agrupados. CIG-Ensino fala de “política de desmantelamento do ensino público”.

Chega o verán e con el as altas temperaturas, vacacións, as festas populares e os anuncios da Consellería de Educación de que vai fechar colexios, suprimir aulas e acabar con postos de emprego. O verán deste 2017 non ía ser unha excepción. Esta cuarta feira, 26 de xullo, Educación recoñece que fechará de cara ao vindeiro curso 5 escolas unitarias, mais de 60 unidades e suprime un cento de postos de traballo (a engadir aos 31 provocados polos recentes peches e traslados de ensinanzas).

 

CIG-Ensino afirma que as cifras de feche de aulas e de redución de postos de traballo non se vén para nada compensadas polo escasos incrementos de postos de traballo que tamén se inclúen na orde, que actualiza os cadros de persoal dos colexios galegos. Así créanse un total de 30 unidades que implican 57 novos postos de traballo.

 

O sindicato lembra que nestes seis anos a Consellaría de Educación leva suprimidas 64 escolas e 437 unidades. “Todo isto mentres se manteñen ou incrementan os orzamentos destinados ao ensino privado”. Para o sindicato é concluínte que o actual goberno galego segue adiante coa política de “desmantelamento do ensino público, antepoñendo os criterios economicistas á calidade da educación”.