Educación fala de récord de profesores e oposición e Anpas denuncian "recortes"

Protesta onte na praza 8 de Marzo de Cee (comarca de Fisterra) polo "incumprimento" das ratios. (Foto: Nós Diario)
Continúan as protestas da comunidade escolar ás portas do inicio do curso.

Ás portas do inicio esta cuarta feira do curso escolar na Galiza, —307.854 alumnos entre Infantil, Primaria, ESO, Bacharelato e Educación Especial, 3.298 menos que o ano pasado—, a situación do ensino centrou parte da sesión plenaria no Parlamento galego. Compareceu o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, para explicar as políticas do seu departamento para o curso que comeza. Román Rodríguez, reivindicou que o curso contará cun total de 31.603 profesores, "o maior número da historia" da Galiza. Nesta cifra inclúe xa os máis de 400 profesionais de reforzo contratados ao abeiro dos plans de atención a alumnado con necesidades especiais.

Por parte da oposición, a deputada do BNG Cristina Fernández Davila sinalou os plans anunciados nestas semanas polo conselleiro son "publicidade propagandística" porque "a realidade é ben diferente". Criticou a nacionalista, entre outras cuestións, o feche de seis escolas unitarias e que a anunciada incorporación de 400 docentes de apoio é só "para catro anos" cando os centros "levan pedindo este profesorado desde hai moitos anos".

Julio Abalde (PSdeG) lamentou que "cada inicio de curso" hai protestas e que a Xunta di-ga que "todo o malo é culpa do Goberno central". De feito, sinalou que "moitos proxectos" anunciados pola Xunta, "son do Goberno estatal" e con fondos estatais e europeos.

Tanto nacionalistas como socialistas contrapuxeron ao discurso de Rodríguez as mobilizacións que nestas semanas decorren en diferentes comarcas galegas polos recortes en profesorado ou incumprimento de ratios, entre outras cuestións. 

Comunidade educativa

Neste sentido, esta terza feira decorreron protestas e mobilizacións  en comarcas como Lugo, Compostela ou Fisterra. Na cidade luguesa pais e nais, convocados pola Federación de Anpas de Lugo (Fapacel) concncentráronse ante a delegación da Xunta para protestar pola "falla de profesorado", exixindo máis docentes, para alén de criticar o incumprimento de ratios en varios colexios. Os mesmos motivos impulsaban a concentración convocada para a tarde da terza feira en Cee (comarca de Fisterra) pola ANPA do colexio Vila de Cee. Horas antes, pola mañá, a Asociación de Nais e Pais 'A Santaia' do CPI Plurilingüe Fonte Díaz de Touro (comarca de Compostela) enviou por rexistro un total de 849 sinaturas recollidas entre a veciñanza para demandar "de forma urxente" a incorporación de profesorado.

As protestas continúan esta cuarta feira, na xornada de inicio de curso. A ANPA do colexio CEIP Altamar, Vigo, chama a enviar os nenos e nenas a aulas con casco de obras para denunciar a mala situación do centro. Tamén haberá mobilizacións en Ferrol e Friol, comarcas de Ferrolterra e Lugo. Pola súa parte, o sindicato maioritario no ensino público galego, CIG, convoca unha concentración en Compostela de delegados e delegadas para denunciar os "incumprimentos" da Consellaría na recuperación do horario lectivo ou redución de ratios.

Noutra orde de cousas, o Goberno español aprobou esta terza feira destinar 18,8 millóns a Galiza para "consolidar o I Plan de Modernización da Formación Profesional (FP).