Leonor Gala, docente e especialista en coeducación: "A educación en igualdade, no século XXI, debe ser obrigatoria"
Antes de nada, para que serve a coeducación?
O seu obxectivo último é eliminar os estereotipos de xénero: educar en igualdade, coas mesmas oportunidades para nenas e nenos, sen límites de aprendizaxe e sen prexuízos, para que eles e elas sexan o que queiran ser.Cando, desde o equipo de Igualdade, promovemos certas actividades (novas masculinidades, diversidades afectivo sexuais…) o que pretendemos é directamente abolir os estereotipos de xénero na escola.
Como introduce eses obxectivos no día a día?
Como docente, tento dar unha perspectiva feminista ás actividades máis tradicionais. Se, coas alumnas da FP básica de Peiteado temos que dar estatística e datos gráficos, facémolo usando datos do Instituto da Muller sobre maltrato, denuncias falsas, aumento das agresións... Ás alumnas interésalles moito máis esta perspectiva. Cando introduces o feminismo transversalmente, dentro do currículum, responden moi ben. Ás veces as materias encaixan e outras tes que adaptar as actividades.
Tamén dá aulas en primeiro da ESO. Como fai neste caso?
Aquí, as mestras de Primaria xa fixeran un labor extraordinario. A rapazada está moi concienciada, coñece as diversidades sexoafectivas, o colectivo LGTBI… Neste caso, por exemplo, cando tocou falar de biodiversidade, o que fixemos foi unha clasificación non sexista dentro da aula usando as claves dicotómicas da bioloxía. Cando fas grupos, o primeiro que sae sempre é a división entre nenas e nenos. Propúxenlles outras: xente con brackets nos dentes, con gafas… cuestións que non teñen que ver co sistema binario e sexista.
Reaccionan igual as rapazas que os rapaces?
Este centro está supersegregado, non na ESO pero si na FP básica, e ocorre despois nos ciclos. Na FP Básica de Peiteado e Estética son todo nenas, mentres que o compañeiro de Química e Física que está dando ciencias en Mecanizado (soldadura) só ten nenos, e isto ocorre de forma xeneralizada, como se ve despois nas empresas, con profesións moi sexualizadas. Temos unha problemática tremenda, chegan cos roles moi marcados a causa desta sociedade patriarcal.
Atopan resistencias nas actividades para acabar con estes estereotipos sexistas?
Neste centro non atopei, e cando ocorreu, as reticencias viñeron máis de compañeiros que das familias ou do alumnado. É certo que no Johan Carballeira trabállanse moito os temas de igualdade e diversidade, temos un equipo espectacular, con actividades para alumnado, profesorado e familias. Pero queda moito por traballar.
Que debería facer a Administración educativa?
Habería que obrigar o profesorado a formarse en igualdade en diversidade. Para empezar, a Xunta debería ter orzamento específico para formación do profesorado e partidas para igualdade só no ensino. Hoxe, a coeducación está unicamente en mans de profesoras comprometidas, aliadas. A Administración deixa nas nosas mans formar os equipos de igualdade, os plans de igualdade, as actividades... Non pode ser. E hai que avanzar na obrigatoriedade destas materias, para que deixen de ser libre elección. No século XXI deberían ser obrigatorias e non depender das direccións, porque haberá centros que nunca as implanten e son esenciais.