Educación non adxudica 12% das prazas libres da OPE

Román Rodríguez, onte, nunha visita ao centro EnergyLab de Vigo. (Foto: Xunta da Galiza).
A porcentaxe de prazas desertas nas oposicións docentes disparouse na anualidade 2024. Segundo denuncia a CIG-Ensino ficaron sen cubrir 12% das prazas ofertadas na quenda de libre acceso e 72% das prazas da quenda de discapacidade. O sindicato reclama unha mudanza de fondo no sistema de oposicións.

A sección do Ensino da Confederación Intersindical Galega (CIG) deu a coñecer na xornada da terza feira un informe onde analiza o número de prazas que ficaron desertas no proceso de oposicións educativas que vén de rematar. No mesmo indica que na quenda de acceso libre, estabelecida para aquelas persoas que non teñen recoñecida algunha discapacidade, ficaron sen adxudicar 12% das prazas, o que significa un incremento de sete puntos con respecto ao exercicio de 2022. 

162 prazas da quenda libre remataron desertas nas oposicións educativas deste 2024. Así, por exemplo, ficaron sen adxudicar 46 das 61 prazas da quenda libre na especialidade de Sistema e Aplicacións Informáticas. Outro tanto aconteceu coa especialidade de  Informática, onde non se asignaron 20 de 27 prazas, ou coa especialidade de Lingua francesa onde resultaron desertas 17 prazas de 46.

Quenda de discapacidade

A situación foi aínda máis grave na quenda de discapacidade, fixada para as persoas a quen a Administración recoñeceu algún grao de minusvalía. Neste caso, ficaron desertas 84 das 106 prazas ofertadas, dándose a cifra máis elevada de prazas sen adxudicar na especialidade de Educación Primaria, con sete prazas sen adxudicar sobre sete, ou en Pedagoxía Terapéutica, con seis sobre oito.

A CIG-Ensino denuncia que “o cambio legal no criterio para a acumulación de prazas da quenda de discapacidade, fixado por varias sentenzas que obrigan a Consellaría de Educación a aplicar a Lei do emprego público, provoca que todas as prazas que quedaron desertas neste proceso non se poidan acumular, como viña sendo habitual, á quenda libre. Isto é así ao non se ter cuberto unha cifra igual ou superior a 3% do total das prazas da oferta de emprego”.

As oposicións para cambiar de corpo docente, pasando do subgrupo A2 ao A1, rexistraron uns resultados semellantes  aos da última década. Neste caso, o 82% das prazas libres de cambio de corpo e o 100% das prazas para persoas con discapacidade quedaron sen adxudicar en cumprimento co disposto pola Lei do emprego público da Galiza, que obriga a que o 25% das vacantes se reserven para estas prazas, mais non impón ningún  límite para poder acumular as desertas.

Un cambio de modelo das oposicións

O sindicato nacionalista insiste “na necesidade de introducir cambios de fondo no sistema de oposicións, pasando por un incremento do anonimato das aspirantes, por exames non eliminatorios, pola redución do traballo burocrático dos tribunais, mediante a baremación a cargo dunha comisión técnica allea ao tribunal e pola aplicación real e efectiva da fase de concurso”. Na mesma dirección, reclama “a eliminación da taxa de reposición, o incremento do profesorado e a acumulación das prazas de promoción interna”.