Educación recúa e ábrese a incluír o horario lectivo na negociación

Representantes da CIG-Ensino esta cuarta feira, 3 de outubro, na xuntanza da mesa sectorial de Educación. (Foto: Nós Diario)
A CIG cualifica as xuntanzas de "función teatral"

A Consellaría de Cultura, Educación, FP e Universidades introduciu "algún avance" na súa proposta de acordo cos sindicatos para reducir as ratios de alumnado por aula en Infantil e Primaria, pero polo de agora non incluíu a redución do horario lectivo para volver ao que había antes de 2022 (18 horas en Educación Infantil e Primaria e 21 horas en Secundaria).

Esta última é unha cuestión que as organizacións representantes do persoal sitúan como unha "liña vermella" (algunhas delas incluso advirten de mobilizacións e protestas se non se contempla). Neste contexto, a Consellaría ábrese a falar do horario a partir da nova xuntanza, que será esta sexta feira, 6 de outubro. 

A Administración mantivo unha segunda xuntanza na mañá desta cuarta feira, 4 de outubro, cos sindicatos da mesa sectorial (CIG, CCOO, ANPE e UXT) na Escola Galega da Administración Pública (EGAP), sen chegaren a un acordo.

"Representación teatral"

A CIG-Ensino, sindicato maioritario, segue sen entrar na negociación por non introducirse aínda o horario lectivo. O seu secretario nacional, Suso Bermello, cre que "até agora" o diálogo na mesa sectorial "foi unha representación teatral". Bermello insistiu esta cuarta feira en que a súa organización "non está disposta" a acudir a estas xuntanzas "a facer comentarios de texto", polo que espera que para o próximo encontro xa se comece a falar do horario. "Para a CIG, a negociación comeza na sexta feira", agregou. 

A central nacionalista non entregou as súas propostas á Consellaría, pero si as fixo públicas. Ademais do horario lectivo e dunhas subidas retributivas máis altas, reclama unhas ratios máis baixas que as propostas pola Xunta da Galiza e nun horizonte máis inmediato. 

Así a CIG pide reducir as ratios a 15 estudantes por aula de Infantil no curso 2027/28; a 20 en Primaria no curso 2024/25; e a 25 en ESO e Bacharelato para o curso 2025/26. 

Pola súa parte, José Fuentes, responsábel de Acción Sindical de CCOO-Ensino, lamentou esta cuarta feira, 4 de outubro, que o documento siga a ser "insuficiente" pero, pese as liñas vermellas que mantén o seu sindicato, aposta por "seguir negociando, por responsabilidade". CCOO aínda non avala o calendario de redución de ratios, pero si valora que agora haxa o "compromiso" e non suprimir unidades durante o proceso.

Julio Díaz, presidente de ANPE na Galiza, defendeu na xuntanza que o novo documento aínda está "moi lonxe de ser susceptíbel de asinar". Entre outros motivos, porque segue sen estar o horario lectivo. Ademais, reclama maiores incrementos retributivos.