O ensino en diversidade afectivo-sexual segue a ser unha materia pendente: "Non se pode non facer educación sexual"

Purificación Leal, presidenta de Sogasex, no inicio da V Semana da Diversidade Sexual de Nigrán. (Foto: Nós Diario).
A Sociedade Galega de Sexoloxía vé de lanzar unha enquisa para coñecer o interese das familias galegas con rapazada en idade escolar en materia de educación sexual.

Avanzar cara a unha sociedade máis xusta e menos violenta require tamén dunha educación sexual integral que transcenda o perímetro escolar pero que conte nas aulas con contidos adaptados a cada  grupo de idade e transversais a toda a etapa educativa. É unha necesidade e unha demanda da xente moza, que aspira a vivir unha sexualidade pracenteira e igualitaria. Así o defenden desde a Sociedade Galega de Sexoloxía, (Sogasex), que até o 30 de xuño está a recompilar información das familias, a través dos centros de ensino, co obxectivo de mellorar as súas intervencións en educación afectivo sexual,  unha materia que a lei de educación, a Lomloe, contempla como unha disciplina transversal desde Primaria até Secundaria. 

"No ámbito da sexoloxía levamos anos sinalando o importante papel das familias na educación sexual e a existencia de certas resistencias, nalgún caso, a que se faga unha educación sexual integral na aula", sinala a Nós Diario Purificación Leal, presidenta de Sogasex. Proba deste receo, que tamén practican algunhas directiva, advirte, é o millar de respostas recibidas até o momento "cando remitimos a consulta a perto de 1.500 centros". 

Reflexionar e aprender

Un equipo de especialistas deseñou un cuestionario inspirado no que en 2022 responderon case medio millar de estudantes do IES A Xunqueira de Pontevedra para elaborar o II Estudo sobre educación e hábitos sexuais en adolescentes da Galiza

"O que pretendemos é coñecer as súas opinións, actitudes e suxestións. A familia goza dunha posición privilexiada para contribuír á aprendizaxe das e dos menores, achegarlles información e favorecer a súa expresión afectiva". A educación sexual en todas as súas manifestacións: identitaria, emocional, relacional, comunicacional, máis aló da erótica, "na única que pensa a maioría", é algo que tamén atinxe as familias. "E non quere dicir que teñan que ser expertas na materia mais si que se cuestionen como están a educar os seus fillos e fillas".

Non se pode non facer educación sexual, afirma Purificación Leal, "porque cando se elixe non falar cos menores deste tema, tabú durante moito tempo, por medo, vergoña ou inseguridade, tamén se está a facer educación sexual", máis non desde o acompañamento, a transparencia e a naturalidade que exixe ensinarlle á rapazada "a construírse libre e responsabelmente, para que poidan sentirse persoas seguras na súa expresión sexual e mostrar respecto polas demais expresións sexuais, gozando dunha sexualidade sa.

Necesitamos unha materia afastada de dogmatismos, de modelos baseados no tabú, dos clixés dun modelo monosexual, heterosexual, adulto e pouco inclusivo

A Lomloe incorporou a educación en diversidade afectivo-sexual ao currículo escolar, pero "unha cousa é o que di a lei e outra como se está a implementar". A falta dunha educación sexual integral na aula e a falta dunha comunicación positiva no espazo familiar están a deixar esta tarefa en mans das redes sociais e do modelo hexemónico pornográfico, sinala a presidenta de Sogasex. "Necesitamos unha materia afastada de dogmatismos, de modelos baseados no tabú, dos clixés dun modelo monosexual, heterosexual, adulto e pouco inclusivo. E isto require da implicación de toda a comunidade, do acompañamento das familias e da vontade política das administracións e axentes sociais implicados.

Urxe que sexa unha materia independente e dotada de persoal específico", di Leal. Hai interese no asunto, conclúe. Os resultado da enquisa que guiarán os pasos a seguir daranse a coñecer no arranque do vindeiro curso.

Materia pendente

A Sociedade Galega de Sexoloxía, en colaboración co Concello de Nigrán (comarca de Vigo), desenvolveu esta sexta feira, 31 de maio, no auditorio municipal a V Semana de Diversidade Sexual. Baixo o título 'Educación Sexual, materia pendente' a xornada finalizou coa proxección do filme How to have sex (Molly Manning Walker, 2023), a cargo do Cine Club Val Miñor Alice Guy.

Antes, socias e expertas de Sogasex como Purificación Leal, Concepción Estévez, Erea Devesa e Damaris Sánchez compartiron mesa con Paqui Molero (Federación Española de Sociedades de Sexoloxía), Chis Oliveira (Comando Igualdade) e Isabel Pressas  (Quérote+) para facer unha radiografía da situación en que se atopa a educación sexual na Galiza. "Hai centros que se limitan a falar da anatomía humana e procreación e hainos que chaman xente de fóra para facer charlas e talleres, aínda que só a veces convidan persoal cualificado". Moitos non queren saber nada de sexualidade: saudable, crítica, autónoma e respectuosa.