A Eira da Xoana estende o seu proxecto ecoloxista á Mariña

Parcela de Santo Estevo de Ermo, en Barreiros (A Mariña), que vén de adquirir a Fundación Eira. [Foto: Nós Diario]
A Fundación Eira da Xoana, que promove a asociación ecoloxista Adega, vén de adquirir no municipio de Barreiros, na Mariña, o compromiso de compra dunha pequena fraga de 5.000 metros que axiña comezará a recuperar co obxectivo de pór en valor o seu patrimonio natural, histórico e arqueolóxico.

O interese da Eira da Xoana na fraga de Santo Estevo do Ermo culminou nas últimas semanas co compromiso de compra por parte da Fundación, nacida de Adega, dunha pequena parcela que agora mesmo está a eucalipto pero que moi axiña lucirá en sintonía co resto da súa contorna. Santo Estevo do Ermo é unha fraga localizada no concello de Barreiros, un espazo natural moi ben conservado grazas ao esforzo e traballo da veciñanza asociada na Irmandade Santo Estevo.

Foi esta entidade local e o colectivo Mariña Patrimonio quen deron a coñecer á Eira da Xoana o valor natural e arqueolóxico que acubilla a zona e quen alentaron o proxecto ecoloxista a implicarse na adquisición dun terreo privado que a partir de agora tamén gozará dos coidados comunitarios.

Un oasis de biodiversidade

"O noso interese veu de quen mellor coñece a zona, o seu valor arqueolóxico e a biodiversidade que atesoura", explica a Nós Diario Xosé Salvadores, presidente da Fundación Eira da Xoana. Sinala que Santo Estevo é un oasis de especies autóctonas cunha rica biodiversidade tanto de fauna como de flora, que inclúen fentos pouco comúns, ameazados e vulnerábeis. Ademais, na parcela atópanse os restos da antiga igrexa de Santo Estevo, o seu antigo cemiterio e as ruínas das cabanas das eremitas que habitaron a fraga.

"Este mosteiro de mulleres eremitas é un dos vestixios máis singulares que se conservan no lugar, algo diferente a todo, que ademais do valor material das ruínas ten unha grande importancia para a historia da comarca e da Galiza".

Tras formalizar a compra do terreo, o obxectivo da Eira da Xoana é "recuperar, estudar e protexer" ese espazo tamén coñecido no lugar co nome de Augas Santas. De feito, a tradición oral sitúa nesa contorna dúas fontes milagreiras: a de Santa Rosa e a do Ferro, ás que desde moi antigo acoden centos de persoas para curar diversos males. "Todo fai pensar na existencia dun lugar sagrado previo á cristianización".

Xornada de voluntariado

En colaboración con Mariña Patrimonio e a Irmandade de Santo Estevo, a Eira da Xoana levará a cabo este sábado 15 de xuño unha xornada de voluntariado para iniciar a reparación da parcela agora inzada de eucaliptos. "Os traballos de recuperación comezarán coa retirada da maleza que rodea os eucaliptos e que haberá que sacar á man. Unha vez eliminados a idea é recuperar a fraga, realizar uns estudos arqueolóxicos que Mariña Patrimonio xa ten orzamentados e valorar a posibilidade de levar a cabo unha escavación".

Todos estes traballos, así como a adquisición do terreo, requiren da colaboración e da axuda económica da comunidade, explica Salvadores. "Estamos cunha campaña de doazóns que non marcha mal. Precisamos 6.000 e xa levamos case 4.000".

Todas as achegas son benvidas e pódense formalizar a través da web da Eira da Xoana. "O primeiro é a conservación, asegurar o futuro dun conxunto extremadamente sensíbel e valioso. Despois miraremos de amplialo", para que se manteña vizoso "por tempo indefinido".