O Eixo Atlántico pide incluír na axenda do próximo Cume Ibérico a nova ponte ferroviaria internacional sobre o Miño

Luís Nobre, á esquerda e Xoán Vázquez Mao, no centro, presidente e secretario do Eixo Atlántico. (Foto Nós Diario).
O presidente da entidade, Luís Nobre, solicitouno por carta aos ministros de Estado e dos Negócios Estrangeiros, ao de Asuntos Exteriores e ao de Transportes.

O Eixo Atlántico informa nun comunicado da boa acollida por parte dos Gobernos español e portugués á súa petición de colocar na axenda do próximo Cume Ibérico, que terá lugar en outono, o desenvolvemento da nova ponte sobre o Río Miño.

A entidade fai memoria e balance dunhas obras que marchan segundo o previsto, mais pendentes de concrecións que urxen resolver canto antes para cumprir os prazos.

Hai unha década, sinala, o Eixo Atlántico propuxo a construción dunha nova liña de altas prestacións Ferrol-Lisboa que, á súa vez, tivese unha parada no aeroporto Sá Carneiro. Esta petición realizouse por primeira vez en 2016 nunha reunión entre concellos e empresarios no Europarque de Santa Maria dá Feira. Posteriormente, na Asemblea Xeral do Eixo Atlántico (2018), trasladouse ao Goberno de António Costa, a través do ministro de Medio Ambiente Matos Fernandes, a proposta de que a nova liña tivese unha parada en Sá Carneiro.

Esta liña sería a alternativa á do Miño que, tras a súa modernización e electrificación, iniciativa liderada polo Eixo Atlántico, seguía tendo o hándicap de que os tempos de percorrido só se poderían mellorar limitadamente debido á conxestión que hai en Valença-Porto, a maior parte deles sen posibilidades de solución. En paralelo mantivéronse diversas reunións con responsábeis do Goberno español até desbloquear a saída sur de Vigo.

Isto, que é historia, aclara a entidade, está documentado nas actas do Eixo Atlántico e na hemeroteca dos medios de comunicación e é importante coñecelo nun momento no que o proceso construtivo está desbloqueado e avanza segundo o previsto. Con todo, censura, provocou a aparición de "supostos pais que pretenden atribuírse un mérito que é exclusivo dos concellos –especialmente, dos do Eixo Atlántico–, da sociedade civil e das organizacións que promoven e defenden o ferrocarril".

Ponte sobre o Miño

Só un aspecto falta por desenvolver para que o proxecto manteña os seus prazos: a nova ponte sobre o Río Miño que dará servizo a esta liña, ponte que se construirá ao leste de Valença e Tui pero cuxa localización exacta falta por determinar. Así mesmo, están sen terminar os últimos trámites administrativos e as últimas enxeñerías e estudos informativos dos tramos de ambos os lados: Porriño-Fronteira, no lado galego, e Ponche de Lima-Fronteira, no lado portugués.

Por iso, o presidente do Eixo Atlántico, Luís Nobre, solicitou formalmente mediante unha carta enviada a ambos os Gobernos que este punto figure na axenda do próximo Cume Ibérico que está prevista para outono e que permitirá continuar o desenvolvemento da obra no seu conxunto dentro dos prazos previstos.

A petición foi acollida positivamente por parte do Ministerio de Asuntos Exteriores e o de Infraestruturas e Habitação a través dunha carta oficial.