As eléctricas obtiveron dos ríos galegos uns beneficios de 545 millóns en 2023

Encoro de Velle, emprazado no concello de Ourense, cunha potencia de 80 MW e propiedade da empresa Naturgy. (Foto: Europa Press).

A xeración de enerxía eléctrica por tecnoloxía hidráulica alcanzou en 2023 na Galiza 8.363.875 MWh, o que representa para as compañías enerxéticas  uns beneficios de 545,5 millóns de euros. Iberdrola, Naturgy e Endesa son titulares de 81,6% da potencia hidroeléctrica instalada na Galiza.

Os beneficios obtidos polas compañías enerxéticas dos ríos galegos en 2023 situáronse en 545,8 millóns de euros. As ganancias desa anualidade foron inferiores en 209,6 millóns de euros aos do ano 2022, como consecuencia da baixa do prezo da electricidade no mercado grosista. Porén, son os terceiros mellores resultados para as empresas enerxéticas na última década.

A produción eléctrica de orixe hidráulica situouse en 2023 na Galiza en 8.363.875 megawatts hora (MWh). Segundo os datos achegados por Rede Eléctrica Española (REE) para ese exercicio, os meses con máis xeración hidroeléctrica corresponderon con xaneiro, con 1.575.904 MWh; decembro, con 1.564.895 e novembro, con 1.489.823. Neste sentido, a produción hidráulica do pasado ano superou en 4.229.800 MWh a de 2022.

O prezo da electricidade no mercado grosista rexistrou un custo medio para a anualidade de 87,3 euros (MWh). As tarifas máis elevadas déronse nos meses de febreiro con 133,5 euros MWh, setembro con 103,3, agosto con 96,1 e outubro con 90,1 euros MWh. Precisamente, os prezos máis altos en todas estas mensualidades estiveron fixados pola electricidade de orixe hidráulica.

A importante xeración hidráulica, a terceira máis elevada da década, así como o prezo da electricidade, cos terceiros valores máis altos dos últimos 10 anos, explican que os ingresos achegados polos encoros galegos ás corporacións enerxéticas alcanzaran en 2023 os 730,1 millóns de euros, unha cifra que só superaron en 2021 e 2022, cos prezos da electricidade no mercado grosista en 118 euros MWh e a 204,7 euros MWh.

Custos de produción

Os custos de produción da totalidade das centrais hidroeléctricas galegas situáronse en 184,3 millóns de euros na anualidade pasada. Segundo sinala o membro do membro do Colectivo Bidán Quico da Silva a Nós Diario, “os custos de produción dunha central hidroeléctrica están en 22,04 euros MWh”.

Quico da Silva apunta que “os datos máis recentes dos custos de produción dunha central hidroeléctrica proceden da Confederación Hidrográfica do Ebro (CHE). Se ben un estudo de 2008 da Comisión Nacional de Enerxía cifraba estes custos entre 3 e 7 euros, os números da CHE falan de 22,04 euros MWh, correspondéndose 10 euros MWh cos custos anuais de xeración e 12,04 euros MWh cos custos anuais de mantemento”.

Os beneficios achegados pola electricidade de orixe hidráulica ás compañías enerxéticas son moi superiores aos de calquera outra tecnoloxía de xeración. En relación con isto, Quico da Siva destaca que “son tantos os beneficios que a enerxía hidráulica produce que no sector son chamados beneficios caídos do ceo”. A esta realidade, contribúe que boa parte das centrais da grande hidráulica, aquelas con máis potencia instalada e con máis capacidade de xeración, levan construídas moitos anos, estando na práctica totalidade dos casos o investimento amortizado.

As ganancias obtidas polas compañías eléctricas nos ríos galegos na última década superan os 3.500 millóns de euros. Segundo un traballo elaborado polo Colectivo Bidán, tomando como referencia o prezo medio do megawatt en cada unha das anualidades e a produción eléctrica de orixe hidráulica certificada para a Galiza por Rede Eléctrica Española (REE), “as centrais hidroeléctricas instaladas nas concas galegas xeraron ás empresas eléctricas entre os anos 2013 e 2022 uns beneficios de aproximadamente 3.522 millóns de euros”.

As marxes dos encoros

As marxes de beneficios das empresas hidroeléctricas chegaron en 2023 a 389%, en 2022 a 913% e en 2021 a 535%. A isto, ten contribuído de modo conxuntural a alza do prezo medio da luz, mais as elevadas marxes desta tecnoloxía de xeración de electricidade atenden a razóns de carácter estrutural. Nesta liña, resulta chave a reforma do mercado enerxético impulsada polo Goberno español de José María Aznar (PP) en 1997, conforme ás indicacións da Unión Europea, que fixou como obrigatorio o denominado sistema marxinalista, que non atende aos custos reais de produción das diversas tecnoloxías para fixar o valor final do prezo da electricidade.

Os impactos económicos, sociais e ambientais dos encoros resultaron moi negativos para as localidades onde se asentaron. Así, os 10 concellos galegos con máis potencia hidráulica instalada rexistran unha renda media anual por habitante por baixo da media galega, situada en 2021, último ano con cifras, en 16.229 euros. Sen ir máis lonxe, a renda media anual por habitante de Vilariño de Conso (comarca de Viana), o segundo concello en xeración hidroeléctrica con 481 megawatts, é 7.155 euros inferior á galega.

A totalidade dos estudos elaborados certifican o impacto dos embalses no despoboamento. Por exemplo, Nogueira de Ramuín (comarca de Ourense), cunha potencia hidráulica de 495 megawatts, perdeu 6.120 habitantes desde a construción da primeira central en 1957, pasando de 8.201 persoas en 1950 a 2.085 en 2022. Outro tanto, aconteceu en Vilariño de Conso, cuxa poboación minguou en 1.152 habitantes desde a edificación do primeiro encoro en 1975, rexistrando 521 residentes en 2023. A historia de Nogueira de Ramuín e Vilariño de Conso repítese nos primeiros 25 concellos galgos en potencia hidráulica instalada.

Galiza xera 26% de toda a enerxía de orixe hidroeléctrica do Estado

A Galiza é unha gran potencia hidroeléctrica. Actualmente dispón de 166 centrais, 45 de grande hidráulica e 121 de pequena hidráulica, cunha potencia instalada de 3.761 megawatts, que representa aproximadamente 26% da electricidade desta orixe xerada no Estado e 18% da potencia total en funcionamento. A maioría dos encoros de grande hidráulica están xestionados pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil, ente dependente do Goberno do Estado, mentres que o groso das minicentrais fan parte da demarcación hidrográfica Galiza-Costa, que inclúe aqueles ríos que discorren en exclusiva polo territorio galego e cuxa titularidade corresponde a Augas da Galiza, ente autónomo da Xunta da Galiza. Unha parte das concesións hidráulicas estarían incumprindo os prazos legais de explotación fixados pola normativa de explotación e a xurisprudencia española.

O negocio hidráulico está na súa práctica totalidade en mans de Iberdrola, Naturgy e Endesa, que controlan 81,68% da potencia hidroeléctrica instalada na Galiza. A primeira, con sede en Bilbo, conta cunha capacidade de xeración de 1.558 megawatts e 13 encoros. A segunda, herdeira da vella Fenosa, dispón de 1.120 megawatts e 12 encoros, pagando, tamén, os seus impostos en Madrid. A terceira, propiedade da empresa pública italiana Enel e con enderezo fiscal en Madrid, explota 375 megawatts e seis encoros. As tres compañías anuncian resultados históricos para este exercicio e adiantan importantes investimentos fóra do país, unha parte deles financiados cos beneficios obtidos na Galiza