Elena Vázquez, premio á Divulgación Científica: "Se dás clases de matemáticas en galego pódente expedientar"

A doutora da Universidade de Santiago, Elena Vázquez.
A doutora en Matemáticas Elena Vázquez Abal vén de recibir o Premio á Divulgación Científica 2024, que outorga a Real Academia Galega das Ciencias, por experiencias educativas innovadoras como un scape room ou un videoxogo para ensinar unha materia, recoñece, “moi difícil”.

Como se gaña un premio divulgando as matemáticas?

As matemáticas non son fáciles, hai que facer un esforzo para entendelas. Son unha linguaxe, pódete gustar máis ou menos, pero tes que entendela, esa é a cousa máis difícil. Agora todas as materias viven separadas, se interrelacionásemos ciencias naturais con matemáticas, con bioloxía, ao mellor esa motivación faría que gustasen máis as matemáticas. Antes, un matemático era músico -como podes concibir a música sen as matemáticas?-, era arquitecto e mesmo chegaba a ser poeta, agora estamos moi cuadriculados en cada lado.

Como empezou no seu caso?

Antes de comezar o bacharelato, con 10 anos, eu ía a unha academia mixta e os problemas de matemáticas eran destes de cousas da vida, con enunciados que había que ler. A min aquilo gustábame moito e dábaseme ben e a profesora fixouse en min, dicíalle a meus país que eu valía para as matemáticas, iso foime quedando. Quería ser arquitecta ou estudar matemáticas, probei con matemáticas e metinme neste lío.

Muller, científica, en galego e en cadeira de rodas. Moitas loitas no día a día...

Cada día cabréame unha diferente. Hai días que o problema da mobilidade. Nada está adaptado neste mundo para a xente que anda en cadeira de rodas, eso me desespera sobre todo en ambientes que se supón que deberían ter máis conciencia. Na Facultade os decanos fixeron sempre o imposible por adaptar, non teño a mínima queixa deles, pero os edificios están coma están. En sitios supostamente adaptados chegas á porta e hai un chanzo de 7 centímetros, e nin se deron de conta. Non quero que me axuden, quero chegar alí e poder entrar por min mesma. Hai días en que eso se me cruza. 

Cal é a situación da muller na ciencia?

Discriminación. As mulleres non aparecen por ningures a pesares de estar traballando en moitas cousas. Seguen facendo reunións e conferencias con todos homes, é algo que me machaca. É moi complicado sacar a cabeza na ciencia. Hai mulleres, pero hai que pasar o traballo de buscalas. O mundo controlado polos homes fala das cousas que coñecen, se non se relacionan con mulleres do seu entorno teñen que preocuparse por coñecelas. Neste momento en España catedráticas da miña área só somos dúas. Nas áreas de matemáticas máis puras hai menos mulleres.

E na Facultade?

Na Facultade o 50% son mulleres, pero acaban a carreira e marchan. É unha carreira moi dura, acabas a graduación con 22 anos, tes que facer unha tese que leva 4 anos, buscar un traballo por 1.200 euros, agardar 5 ou 6 anos para ter un posto fixo. Eso non o resiste calquera, e as mulleres que queren ser nais non poden facer todo eso e ter un fillo. Por iso moitas se desaniman. Ademáis tampouco hai referentes.

E si ademáis falamos das matemáticas en galego…

Non poden ser en galego, está no decreto do plurilingüismo ese. Si o profesorado quere falar en galego faino, sempre que non entregue nada por escrito que non sexa en castelán. Si hai algún pai ou nai que pide o castelán poden expedientar ao profesor. Non hai ningún problema en usar o galego nas matemáticas.

E o galego na universidade?

Na Facultade de Matemáticas a maioría empregan o castelán. Os rapaces entran en primeiro falando galego e marchan de aquí falando castelán. Eu fálolles en galego, hai algúns que me pregunta en castelán e despois fan o exame en galego. É complicado ainda temos o rollo de que falar en galego non queda ben.


Divulgar para ilusionar

A doutora Elena Vázquez está no máis alto do mundo da ciencia, pero sabe que o futuro hai que facelo desde abaixo. Por iso o seu público preferido para actividades divulgativas son os alumnos e alumnas de 4º de Primaria. Nesas idades “non teñen prexuízo ningún, non se fechan en banda diante das matemáticas e son capaces de ilusionarse”. Recoñece que para moitos estudantes as matemáticas son “antipáticas”, pero contra iso ten receitas como a dun colexio de Narón. “Era coma un scape room, eu contáballes un conto e tiñan que averiguar o nome dunha persoa importante da vila acertando probas matemáticas para ter pistas”. Polo medio “aprendían a calcular a letra do NIF, cousas de xeografía e de matemáticas”. A filosofía é “tratar que se ilusionen, non se pode facer todos os días nas aulas pero si unha porcentaxe importante deles”.