O emérito asegura que volverá "moitas veces" á Galiza este verán
O rei emérito, Juan Carlos I, asegurou que volverá "moitas veces" á Galiza este verán e apuntou estar "moi contento".
Así o asegurou a preguntas dos medios de comunicación, ás portas do Real Club Náutico de Sanxenxo (RCNS). Na mesma xornada que o 'Bribón' capitaneado por Juan Carlos I conseguiu a primeira posición na regata en que participou.
No RCNS Juan Carlos I foi recibido, pola tripulación do 'Bribón' entre aclamacións e aplausos mais tamén berros de “ladrón” por parte da veciñanza.
Ao descender do coche do seu amigo Pedro Campos o rei emérito, vestido con camisa azul, chaleco e pantalón azul mariño, apoiado no seu bastón sacou unha foto co seu equipo de regatas.
Fuxido en 2020
Estas foron as súas primeiras palabras desde que a cuarta feira chegase á Galiza desde Abu Dabi, a onde fuxiu en 2020.
Así, o rei emérito, durante a súa estancia no Salnés, gozou da vela a bordo da súa embarcación.
Residencia habitual?
Após a pasada visita do emérito en abril, este xornal anunciaba a posibilidade de que o ex monarca español quixese instalar a súa residencia na Galiza e pasar longas tempadas na localidade de Sanxenxo.
O obxectivo, sinala o seu círculo máis próximo, sería preparar o terreo para pasar longas tempadas no Salnés, mantendo o enderezo oficial en Abu Dabi, e así non ter que explicar a orixe do seu patrimonio.