Medio Ambiente

Así evolucionaron as emisións de gases de efecto invernadoiro na Galiza desde 1990

O Ogacli chama a mellorar a oferta do tren e o autobús e a fomentar unha electrificación baseada en renovábeis. (Foto: Nós Diario)
O último informe do Ogacli pon o foco na necesidade de "descarbonizar o transporte".

O Observatorio Galego  da Acción Climática (Ogacli) presenta esta sexta feira o informe As emisións provinciais de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI) en Galicia (1990-2022), baseado no máis recente inventario oficial de emisións do Ministerio para a Transición Ecolóxica. É a primeira vez que se divulgan na Galiza estes datos a escala provincial e, deste modo, queda en evidencia que a da Coruña concentra máis da metade (51,7%) das emisións brutas de gases causantes de cambio climático en todo o país.

Desde o Ogacli entenden que isto non só ten a ver co seu peso na poboación e o PIB galegos, senón tamén "co feito de se situaren no seu territorio as principais industrias enerxéticas fósiles", entre as que menciona a refinaría de petróleo da Coruña ou as centrais de ciclo combinado de gas fósil de Sabón e As Pontes. Séguea a provincia de Lugo, con 20,9% do total.

As emisións de gases de invernadoiro da Galiza no seu conxunto reducíronse 33% en 2022 a respecto de 1990, principal ano de referencia das políticas climáticas. Esta baixada sustentouse na "diminución á metade das emisións na provincia da Coruña", especialmente por mor da substitución do carbón na produción eléctrica. Pola contra, as emisións medraron de forma importante nas de Ourense (12,5%) e Pontevedra (16,5%). E na de Lugo tamén se recortaron (-10,3%), "mais foi pola parada temporal da planta de aluminio de Alcoa en San Cibrao", explican.

O transporte é o único sector no que se produciu unha suba xeneralizada das emisións entre 1990 e 2022, algo que practicamente aconteceu tamén coas emisións de orixe non fósil da agricultura e a gandaría. As emisións asociadas ao uso total de enerxía fósil nos sectores comercial-institucional, residencial e primario medraron  en todo o país agás na provincia de Pontevedra, "debido á menor achega do sector primario". No tocante ás emisións industriais e do tratamento de residuos, descenderon de forma xeralizada.

Entre 2021 e 2022, porén, as emisións de GEI da Galiza aumentaron 2,5%. A diferenza do acontecido no período 1990-2022, "foi a provincia da Coruña a que impulsou este incremento interanual", ao subiren as súas emisións 12,2%. A causa principal foi a maior actividade tanto da refinaría de petróleo como das centrais eléctricas de gas fósil, "nun contexto de estancamento da transición enerxética e de seca".

O Ogacli afirma que existen "grandes desigualdades provinciais nas emisións per cápita". As máis elevadas son as de Lugo (12,6 t/hab), moi superiores á media galega (7,2 t/hab), "o que se explica polas súas producións gandeira e de alúmina e aluminio", sinala a entidade. No extremo contrario colócase a de Pontevedra, con só 4 t/hab, sen apenas produción enerxética fósil, con emisións industriais e gandeiras relativamente baixas e que importa a maior parte da electricidade que consome.

A descarbonización do transporte, mediante a restricción do uso do vehículo privado, a mellora da oferta do tren e o autobús e electrificación baseada en electricidade renovábel, "é a acción climática máis prioritaria común" en todo o país, salienta. E no caso da provincia da Coruña o Ogacli destaca tamén a necesidade de acelerar o fin do sector enerxético fósil, mentres que na de Lugo cobra especial relevancia o impulso da transición agroecolóxica.