As emisións de óxido de nitróxeno de Altri superarían as das centrais térmicas das Pontes e Meirama

Central térmica das Pontes, propiedade da enerxética Endesa, antes do seu feche. (Foto: Europa Press).
As emisións contaminantes das centrais térmicas de Endesa nas Pontes (Eume) e de Narturgy en Meirama (Cerceda, comarca de Ordes) levaron o Goberno do Estado a decretar o seu feche. Porén, a celulosa proxectada pola multinacional portuguesa Altri en Palas de Rei (A Ulloa) superaría nalgúns parámetros a contaminación destas dúas factorías.

A central  térmica de Meirama emitía un total de 66 toneladas ao ano en partículas PM10 e a factoría das Pontes 70,6 toneladas ao ano,  pero agora Altri proxecta emitir 252,5 toneladas ao ano”, sinala a Nós Diario Ramón Varela, catedrático de Bioloxía e Xeoloxía, doutor en Bioloxía e ex  presidente da Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza. Apunta que “Meirama emitía 980 toneladas ao ano de óxidos de nitróxeno e central das Pontes 1.790 toneladas ao ano e agora Altri quere emitir 2.180,9 toneladas ao ano”.

As razóns das térmicas

Ramón Varela sinala que “os argumentos oficiais para  xustificar o apagado e desmantelamento de As Pontes e Meirama por contaminación, non serven agora para rexeitar o proxecto Altri”. Na mesma dirección, destaca que “á Xunta parece que iso non lle importa e acolle o proxecto como propio cando Altri emitiría a atmosfera máis que calquera das oito grandes celulosas do Estado e pasaría a ser a primeira industria na Galiza por emisións de óxidos de nitróxeno e de partículas PM10 e a cuarta en óxidos de xofre”.

A choiva ácida

Varela, autor en 1990 da primeira tese de doutoramento sobre a choiva ácida na Galiza, indica que as emisións de xofre e nitróxeno son as principais causas da choiva ácida. Neste sentido, lembra que “no momento de presentar a tese, a central térmica das Pontes era unha das seis ou sete factorías de Europa que máis choiva ácida provocaba, estando tamén nos postos de cabeza no Estado”. Tanto é así, que anos máis tarde as autoridades británica denunciaron que a choiva ácida provocada pola térmica das Pontes afectaba o Reino Unido.

As emisións de partículas de Altri chegarán a 252,5 toneladas ao ano, sendo mesmo superiores ás de Ence”, que en 2020 alcanzaron as 195 toneladas, continúa Varela, explicando que “as partículas, especialmente as PM 2,5, son moi problemáticas para a saúde, sendo responsábeis de problemas respiratorios e cardiovasculares, xerando asma ou provocando casos de ictus”. Nesa liña, lembra que “a Organización Mundial da Saúde (OMS) vén de reclamar a redución da súa presenza na atmosfera polos problemas de saúde que xera e por ser un dos factores que reduce a duración da vida das persoas”.

A tecnoloxía

Unhas das pexas de Altri para Varela é que “emprega unha tecnoloxía obsoleta, un modelo de fábrica dos anos 70 e 80 que coloca no século XX, onde non utilizan os novos medios técnicos que permitirían unha fábrica menos agresiva co medio ambiente por unha razón meramente económica de abaratar custos”. Asemade, o catedrático destaca que “á vista dos datos sobre emisións ofrecidas pola compañía, parece claro que Altri xeraría máis choiva ácida que a planta de Ence”.

As verteduras de nitróxeno e fósforo no Ulla

A celulosa de Altri vertería ao rio Ulla 10,5 millóns de metros cúbicos de auga ao ano con 157,5 toneladas ao ano de nitróxeno total e case 20 toneladas ao ano de fósforo total. A este respecto, Varela explica que “as verteduras de nitróxeno farían que Altri fose o terceiro complexo máis contaminante da Galiza, o segundo en verteduras de fósforo total e tamén o segundo en Demanda Química de Osixeno, con 1.680 toneladas ao ano”.