Xustiza

A empresa propietaria da mina de San Finx, imputada por delitos contra o ambiente

Mina de San Finx, explotada por Pivotal Metals. (Foto: Ecoloxistas en Acción).

O representante da mineira terá que declarar o día 1 de febreiro ante o Xulgado de Noia.

O Xulgado de Instrución N.º 2 de Noia ven de chamar a declarar a Tungsten San Finx, S.L., empresa concesionaria da mina de San Finx, en Lousame, comarca de Noia, como investigada por presuntos delitos contra os recursos naturais e o ambiente, “logo de que nas dilixencias penais se evidenciaran os altos niveis de concentración de metais pesados que as verteduras da mina está inxectando no medio natural”.

Así se informou desde Ecoloxistas en Acción, que afirma que testemuñan esta” nociva contaminación os contundentes informes achegados tanto polo Seprona, como pola acusación popular ambiental exercida polas confrarías de Noia e Portosín e organizacións ecoloxistas”.

Ecoloxistas e confrarías sinalan que nas últimas analíticas, do pasado mes de outubro, os niveis de cadmio augas abaixo do punto de vertedura superaban 100 veces os niveis máximos permitidos pola lexislación.

O representante da empresa, Miguel Cabal Lorenzo, deberá comparecer ante o Xulgado o próximo 1 de febreiro ás 10 horas, circunstancia que aproveitaran os colectivos ecoloxistas e do mar para demandar solucións.

Unha protesta que argumentan “ante a negativa da empresa mineira e da Xunta a adoptar as medidas necesarias para evitar as verteduras que veñen propoñendo os colectivos”.

“A quinta feira día 1 concentrarémonos diante do xulgado para esixir o selado de galerías e entulleiras e a retirada dos residuos mineiros acumulados no río, e rematar así coas verteduras de metais pesados“, anunciou Joám Evans, voceiro da plataforma comarcal e de Ecoloxistas en Acción.

Desde confrarías e organizacións ecoloxistas demandan medidas para que a empresa non “se dea á fuga, como fixeron anteriormente Sacyr en 2021 e a australiana Pivotal Metals o pasado verán”.

Por iso, ademais de reclamar a Augas de Galicia que impoña o cobro do canon de control de verteduras, que cifran en 30 millóns de euros, solicitaron ante o propio Xulgado de Noia que se adopten medidas cautelares obrigando á empresa a iniciar actuación urxente para a reinundación e selado da mina.

Desde a Plataforma comarcal contra as verteduras da mina de San Finx advirten que é necesario protexer de modo efectivo a ría fronte á contaminación por metais pesados, que suma a outros problemas recorrentes como “as deficiencias no saneamento, a mala xestión da central hidroeléctrica do Tambre ou a recen chegada masiva de plásticos”.