O encarecemento frea a solidariedade: a inflación lastra as recollidas de alimentos

Voluntarios do Banco de Alimentos de Vigo.
O que máis escasea é o aceite de oliva e os produtos para as crianzas, debido ao seu elevado custo.

O incremento interanual de 9,6% dos prezos da alimentación liderou en 2023 a suba dos prezos. A Galiza é a segunda autonomía do Estado español na que máis incrementaron os custos. Os bancos de alimentos vense afectados por esta situación e sofren unha redución das doazóns. Un dos produtos que máis encareceu foi o aceite de oliva, principal causante da suba de custos do cesto, cunha alza de 51,4% en 2023. O prezo dos ovos incrementou 8%, seguido das froitas e verduras (+6%). Na Galiza, o IPC aumentou 3,3%  en novembro —últimos datos do INE— con respecto ao ano anterior.

O incremento na alimentación liderou os niveis de encarecemento. A inflación aumentou 19% desde o comezo do confinamento en 2020, sendo a segunda autonomía na que máis incrementaron os prezos, por riba da media estatal. Aliás, a asociación de consumidores Facua vén de denunciar un incremento de 53% durante 2023 no prezo dos alimentos suxeitos a un IVE rebaixado, malia que a norma do Goberno do Estado non o permite.

Todos estes datos tradúcense en que cada vez máis persoas teñen dificultade para facer a compra e outras atópanse en risco de pobreza: máis da metade dos fogares galegos (56%) ten dificultades para chegar a fin de mes, unha misión especialmente complicada para un de cada dez, que o fan con moitas dificultades, sinala o Instituto Galego  de  Estatística, con  datos do derradeiro trimestre de 2023. Neste contexto, os bancos de alimentos ven incrementada a súa demanda. Pero a estes centros o IPC tamén lles trae dificultades á hora de realizar o seu labor solidario. Todos perciben unha redución xeral das doazóns con respecto a anos anteriores. O que máis escasea é o aceite de oliva e os produtos para as crianzas, debido ao seu elevado custo.

Cae a solidariedade

No Banco de Alimentos de Lugo axudan 1.700 familias e notan moito este encarecemento na alimentación. A súa directora, Amadora Núñez, indica que a xente que sempre colaborou ségueo a facer, mais “se traían unha bolsa ou un carro cheo, agora traen dous ou tres quilos”. Eis a razón pola que as doazóns baixaron á metade.
O Banco de Alimentos de Vigo atende un total de 152 ONG que reparten os bens entre arredor de 20.000 persoas de toda a área de Vigo e Pontevedra.

Na 'Gran Recollida' realizada en novembro conseguiron 325.000 quilogramos de alimentos, menos dos 350.000 que se propuxeran, aínda así “estamos moi contentos e somos conscientes de que o obxectivo que puxeramos era moi ambicioso”, afirma o presidente, Iván Martínez. Neste banco, as doazóns en alimentos subiron levemente respecto ao ano anterior, mais as doazóns en efectivo baixaron de forma considerábel. "A sociedade aínda segue sendo xenerosa, pero obviamente a xenerosidade está limitada”, explica.

No Nadal notouse a precariedade que sofren algunhas persoas. Porén, “encheunos de solidariedade e houbo ánimo de colaboración para que todo o mundo desfrutase das festas”, sinala Martínez. É unha tónica que se repite anualmente, as doazóns e as campañas multiplícanse, “neste tempo todo o mundo se anima a pór o seu gran de area”, sostén Lorena Negreira, vicepresidenta do Banco de Alimentos Rías Altas. Neste centro tamén sofren as consecuencias da inflación. A día de hoxe axudan arredor de 27.200 persoas, e na "Gran Recollida" percibiron unha baixada nas doazóns.

Lorena Negreira, vicepresidenta do Banco de Alimentos Rías Altas.

“O que podías comprar o ano pasado con 20 euros agora xa non podes. Coas doazóns monetarias facemos a compra e atopámonos co mesmo problema que calquera persoa que vai ao supermercado”, conclúe Negreira.

Os bancos de alimentos destacan a xenerosidade galega

Os bancos de alimentos da Galiza agradecen todas as achegas recibidas e destacan a xenerosidade e solidariedade que aínda segue existindo a pesar das dificultades que se están experimentando debido á suba dos prezos da alimentación. A eles aféctalles por un lado pola redución das doazóns e por outro ao mercar os produtos menos doados, que son os máis encarecidos, que fan falta para ofrecer unha dieta máis completa para as usuarias e usuarios.