Ence na ría de Pontevedra até 2093?

O anteproxecto da Lei de Costas aprobado polo Goberno español abre as portas de par en par para que a pasteira siga na mesma ubicación onde se instalou en 1957 por 75 anos máis. Se sae adiante a norma, o único que lle cumprirá será un informe positivo da consellaría de Medio Ambiente

Ence podería quedar na ría de Pontevedra durante 75 anos máis, até 2093, se conseguise o informe positivo por parte da consellaría de Medio Ambiente que exixirá, de saír finalmente adiante, a nova Lei de Costas. Co anteproxecto aprobado nesta sexta na man, a pasteira só precisaría ese documento e reclamar a súa intención de seguir na ría seis meses antes de que lle expire o permiso --mediados de 2017--, para saltar por riba da data límite imposta na normativa actual para que abandone a ría. Permítese tamén a venda e a transmisión da concesión por herdanza.

Así as cousas, o texto redactado en Madrid expón que os terreos que estiveren dedicados "á industria enerxética, química, petroquímica, téxtil e papeleira" poderán prorrogar a súa concesión --en 75 anos, como as vivendas ubicadas nos espazos da Lei de Costas-- "previo informe favorábel" do órgano ambiental da comunidade correspondente. No caso de Ence, o departamento que dirixe Agustín Hernández. Deberá determinar a equipa técnica cales son os efectos da actividade industrial sobre a contorna, e remarcar "as condicións que debe contemplar a concesión para garantir a adecuada protección do medio ambiente".

A colaboración da Xunta do PP para manter a pasteira na ría non é descartábel, pois o propio Hernández esquivou hai unhas semanas as preguntas parlamentares a respecto da última sentenza do Tribunal Supremo, en virtude da cal o acordo de 2003 con Ence debera ficar anulado. A teor deste pacto foi aprobado o Proxecto Sectorial da pasteira, así como as autorizacións ambientais integrais para consolidar a fábrica na ría de Pontevedra, mais o titular de Medio Ambiente non quixo comprometerse no Pleno do Parlamento a que a Xunta de Galiza faga efectiva a resolución, pese a que o BNG pediu a publicación no DOG da orde do Goberno galego para executar o ditame do Supremo.

Ante a maré de críticas que chegan d@s propi@s veciñ@s, os movementos sociais e ecoloxistas e formacións políticas --a Asociación pola Defensa da Ría sostén nun informe enviado ao Consello Europeo que a fábrica realiza verteduras ilegais coa aprobación da Xunta--, Ence deféndese. Apela ao argumento de que as tripas non entenden de puños erguidos, como sempre se fai nestes conflitos, e reitera que grazas á factoría fincada na ría de Pontevedra existen 350 emrpegos directos e case 3.000 indirectos. Lembran tamén, a través da súa páxina web, que a da cidade do Lérez é unha das tres factorías que a pasteira ten no Estado. As outras dúas están en Huelva e Asturias.