Encontra as diferenzas entre a emisión da TVG e da TVE: así cubriron a protesta social contra Altri

Rolda de prensa ofrecida polos colectivos que se opoñen a Altri esta cuarta feira en Compostela. (Foto: Arxina)
Entre outras diferencias, a TVE dedicou máis do dobre de tempo que a TVG a esta cuestión.

Diferentes asociacións galegas e do Camiño de Santiago cualificaron esta cuarta feira o proxecto da fábrica de celulosa que a multinacional portuguesa Altri quere instalar en Palas de Reis (A Ulloa) de "torpedo" para o Camiño de Santiago e responderon ao presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, que non son "satélites" do BNG.

Así o fixeron nunha rolda de prensa que non foi cuberta da mesma maneira polas televisións, para mostra o que fixeron dúas canles públicas, a da Galiza e a estatal. Entre outras diferencias, a TVE dedicou máis do dobre de tempo que a TVG a esta cuestión.

A información da TVG durou menos de 40 segundos e limitouse a unha soa intervención tras dar paso a presentadora. As palabras foron formuladas por Xosé Manuel Pérez, da Plataforma por unha Ulloa Viva, que é presentado en todo momento en primeiro plano e só.

A televisión pública galega escolle un anaco de intervención na que Pérez di un 'malsoante' "tomar polo cu". Máis en concreto, o recorte de intervención do membro de Ulloa Viva que recolle a TVG é o seguinte: "Isto é un torpedo á liña de flotación do Camiño de Santiago. Isto é un espolio non só das propiedades dos que están producindo riqueza neste país. Iso vaise ir tomar polo cu por unha enfermidade que ten esta sociedade, que é a avaricia".

A diferencia da TVG, a TVE si recolle que se trata dunha manifestación conxunta de diferentes asociacións galegas e do Camiño de Santiago con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente. Neste caso, o contexto ofrecido pola presentadora é maior, e ademais dá paso a unha compañeira reporteira que traballa a nova máis polo miúdo.

Son varias as intervencións que recolle TVE. En primeiro lugar, o punto de vista de Miguel Ángel Rodríguez, da Asociación Galega de Albergues; a continuación intervén Antón Pombo, de Fraternidade do Camiño de Santiago, tamén intervén Xosé Manuel Pérez, da Plataforma por unha Ulloa Viva, aínda que nesta ocasión a televisión pública estatal non introduce o momento no que di "tomar polo cu".

Alén de non aparecer soa e illada a plataforma Ulloa Viva, as diferentes intervencións emitidas por TVE son intercaladas coas explicacións da reporteira e imaxes tanto do proxecto como do Camiño de Santiago e das mobilizacións sociais contra Altri das últimas semanas.

Despois disto, a información do telexornal continúa cos premios (negativos) Atila e Cabalo de Atila que outorga Ecoloxistas en Acción e que tamén teñen Altri como un dos protagonistas pola implicación negativa que este proxecto tería, segundo a organización, para o medio ambiente.